Melide construirá unha senda peonil na estrada de Sabián a través do Plan Único da Deputación
- Laura Moure
- 12 mar 2022
- 1 Min. de lectura
O ente provincial financia a través do seu programa de obras e servizos o 100% do custo desta actuación, con 57.600 euros
Laura Moure/Melide
A Deputación da Coruña destina 57.600 euros para a construción dunha senda peonil na estrada de Sabián, no concello de Melide. O 100% do custo total das obras será financiado con fondos provinciais con cargo ao Plan Único. As tarefas atópanse en fase de licitación e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro día 28 de marzo de 2022.

Co fin de mellorar a accesibilidade nunha zona pola que transitan de xeito habitual peóns, así como para incrementar a súa seguridade e a dos vehículos que circulan pola estrada de Sabián, construirase unha senda peonil na marxe dereita da pista. O itinerario realizarase canalizando a cuneta existente para a execución posterior dunha lousa de formigón apta para o percorrido a pé. O prazo para executar estos traballos será de, aproximadamente, catro meses.
Con esta actuación o Plan Único da Deputación segue a ser ferramenta chave para levar a cabo importantes investimentos que melloren a seguridade viaria das estradas municipais ao longo de toda a provincia. Neste caso, farase coa creación de novos espazos para as persoas co obxectivo de favorecer o seu tránsito de forma segura e unha mellor convivencia entre o tráfico rodado e o peonil.
コメント