Así afóndase na coordinación entre institucións e corpos de seguridade nunha estratexia de atención ás vítimas de violencia de xénero e seguimento dos casos producidos
Laura Moure/Melide
Melide dá un novo paso na atención ás vítimas da violencia de xénero. Este martes constituíuse no Concello a Mesa de Coordinación Policial en Materia de Violencia de Xénero- Comisión Técnica de Coordinación contra a Violencia de Xénero. Na constitución estiveron presentes Carmen Liñeira, concelleira de Igualdade, e Isabel Álvarez, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Galicia. Tamén participaron representantes da Policía Local e da Garda Civil de Melide e do Centro de Información á Muller.

A edil de Igualdade referiuse á constitución desta Mesa como “un novo paso na atención ás vítimas da violencia de xénero logo da incorporación de Melide ao sistema Vioxén o pasado 2021".
O principal obxectivo desta mesa é o de garantir a coordinación entre os corpos policiais de Melide e a colaboración cos servizos sociais do Concello. Para iso, farase seguimento das intervencións realizadas nesta materia, procurando a detección de necesidades e a busca de solucións.
Do mesmo xeito, a Mesa procurará o tratamento integral dos casos de violencia de xénero e o seguimento e aplicación dos itinerarios de coordinación.
Comments