Melide conmemora o Día de Rosalía enchendo a vila de poesía
- Laura Moure

- 20 feb 2025
- 2 min de lectura
O domingo 23, Café Poético permitirá acompañar con versos os cafés nos locais de hostalaría da vila e ao día seguinte, o alumnado de primaria desfrutará de teatro
Laura Moure/Melide
A Concellería de Cultura do Concello de Melide conmemora este ano o 23 de febreiro, Día de Rosalía, con senllas actividades que traerán á vida os versos da poetisa nacional galega. O propio día 23, domingo, a vila acollerá un Café Poético que encherá as rúas coas palabras rosalianas. Ao día seguinte, a compañía Tarabelos representará “Contos nunha roda. Rosalía” para o alumnado escolar.

O Café Poético con Rosalía de Castro é unha actividade que leva a cabo a concellería de Cultura xunto co servizo de Normalización Lingüística municipal. Distribuirase un total de
3.000 cartóns con poemas da autora polos restaurantes, bares e cafeterías da vila durante a hora do café, que deste modo pode acompañarse cun anaco da nosa cultura.
Publicidade
O luns 24, a compañía Tarabelos representará a súa función de “Contos nunha roda. Rosalía” en sesión dobre, ás 10 horas e ás 11:30 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. Os destinatarios destas representacións son as alumnas e alumnos dos cursos de 1º a 3º de primaria de Melide. A función é un exemplo de kamishibai xaponés, unha arte de narrar milenaria a través de teatro de papel sobre unha roda. As nenas e nenosdescubrirán unha poetisa inconformista ante as inxustizas de xénero, de clase social ou de lingua.
Con estas actividades, o Concello de Melide quere recoñecer a inmensa figura de Rosalía de Castro, quen moito máis dun século despois da súa morte segue a ser unha figura
fundamental da cultura do país e universal. A poetisa é tamén un símbolo da identidade galega, de reivindicación política e social e defensa de Galicia e o seu pobo.








Comentarios