Xurxo Fernándes e Xosé Lois Romero, entre os grupos e artistas que participan este ano
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide presentou este xoves publicamente o cartel e a programación da XVII Foliada de Melide, un dos principais eventos de música tradicional de Galicia. Esta edición, que será a terceira que organice o Concello dun evento nacido en 2005 da man da Asociación Cultural e Musical O Castelo, consolida unha cita musical insubstituíble no calendario cultural galego, que congrega cada ano milleiros de veciños e visitantes. A presentación tivo lugar coa presenza do alcalde, José Manuel Pérez; a concelleira de Cultura, Mayka Basalo; o concelleiro de Economía, Xesús Pereira, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez. Ademais, tomaron parte na presentación dous músicos de renome como Xurxo Fernándes e Xosé Lois Romero. No acto tamén participaron representantes dos grupos socialista e popular da corporación local, Mónica Barral e Dalia García, respectivamente.
O encontro serviu para dar a coñecer o programa de actividades da XVII Foliada de
Melide. Esta edición transcorrerá na última semana de abril, como vén sendo tradición, que neste ano se corresponde co sábado 27 e o domingo 28. Un ano máis, a Foliada volve ser o escenario de actividades moi diversas que se estenden durante dous días, entre as que salientan concertos, o concurso de cantos de taberna, animación de rúa, mostras de artesanía e seráns.
As actividades comezan ás 11 horas do sábado, coa apertura da Mostra de Artesanía e
Instrumentos na Praza do Convento e na rúa homónima anexa. Esta exposición permanecerá aberta durante toda a fin de semana, xuntando unha vintena de postos con
instrumentos, traxe tradicional ou tallas artísticas en madeira, pedra ou coiro.
Media hora despois comezará a animación de rúa con xigantes e cabezudos acompañados dos Treboeiros de Muimenta, que encherán as rúas de cor. Ás 12 h
comezará o Concurso de Cantos de Taberna, un dos pratos fortes desta cita que acada
así 13 edicións. Os grupos participantes percorrerán os bares da zona vella. Este ano,
por primeira vez, tomará parte un xurado conformado por profesionais da música e o baile
tradicional. Os tres grupos gañadores recibirán unha cesta de produtos locais. A entrega
de premios terá lugar ás 15:30h na Praza das Coles.
Á tarde, o programa prosegue cun novo pase dos Treboeiros de Muimenta e senllos
obradoiros de baile, ás 17:30h para nenos e ás 18h para adultos, co bailador e mestre de
baile tradicional Miguel Sotelo. Colaborará en ambos os obradoiros Bico da Balouta, e
terán lugar na Praza do Convento.
Ás 19 h recuperarase outro dos clásicos da Foliada: a Marcha Gaiteira polas rúas da vila,
que se enchen así de música e festa. Nesta ocasión haberá dez grupos percorrendo
distintas rúas e prazas para converxer no cantón de San Roque. Dende alí o pasarrúas
multitudinario avanzará ata a praza das Coles onde se celebrará o serán.
Este tradicional serán, que foi orixinalmente o xermolo de toda a festa da Foliada,
celebrarase a partir das 19:30h na Praza das Coles. Unha noite de música e bo ambiente
que xunta unha ducia de agrupacións musicais de Galicia e mesmo de fóra dela: os
melidaos Froito Novo, Herba Grileira e Pozo Pequeno, xunto con Gaiteiros do Balado e O
Bingo Birón (Toques), Palacio do Rei (Palas de Rei), A Maristela (Sobrado dos Monxes),
Fol da Chousa (Santiso), O Bringuelo (Arzúa), A Rexouba (A Coruña), Airiños Galegos
Doce Albor (Santurtzi) e A Casa da Troula (Rekalde).
A xornada do sábado péchase por todo o alto ás 23:30h co concerto de Ailá na mesma
Praza das Coles. Unha proposta musical que xunta a tradición con novos ritmos e cores
doutros lugares e culturas, representando o Tradi. Foi o grupo gañador dos premios
Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional.
Domingo 28
A celebración prosegue con forza ao día seguinte. Ás 11h reabre a mostra de artesanía e
instrumentos, e xusto a continuación, ás 11:30h, a banda gaiteira Arume de Malvas
acompaña un novo pase de animación de rúa con xigantes e cabezudos.
Ás 12h, a capela de Santo Antón acolle a presentación do libro “Concha do Canizo. Este
pandeiro que toco...”, o máis recente traballo da etnomusicóloga Xulia Feixoo no cal
estuda as prácticas de transmisión oral protagonizadas polo pandeiro na Terra das
Frieiras a través da historia da propia Concha reconstruída a partir de entrevistas e
gravacións musicais inéditas.
Ás 13h volve actuar a banda de gaitas Arume de Malvas, pero desta volta na Praza do
Convento. O conxunto naceu no ano 2011 en Tui como proxecto veciñal e musical que
recollese a herdanza do grupo folclórico Terra de Malvas de tres décadas antes.
Comezaron coa banda en 2014, e nesta década teñen percorrido Galicia e mesmo
Bretaña.
Publicidade
A sesión vermú corre ás 14h a cargo de Pärbo, na Praza das Ichoas. O dúo está
composto por dous referentes musicais como Begoña Riobó e Anxo Pintos. A primeira
toca o violino e mais a arpa céltica e pon a voz no proxecto, mentres Pintos acompaña
coa zanfona e o segundo violino.
Á tarde as actividades retómanse coa actuación infantil de Pesdelán, que utiliza a música
ao vivo para ensinar bailes e xogos sinxelos. Conta con bailadores e mestres de varias
formacións galegas e portuguesas. A actuación será ás 17h na Praza do Convento.
A seguir, celebraranse os Xogos Populares na Praza do Pozo Pequeno. Ás 18h arrincará
esta Xornada de xogos tradicionais interxeneracional dirixida pola Asociación Galega do
Xogo Popular e Tradicional.
Á mesma hora dá comezo a mostra de baile tradicional do Fiadeiro, na Praza do
Convento. Esta asociación cultural e folclórica recolle e transmite o noso legado cultural
cun espectáculo de melodías, cantos e bailes.
Publicidade
Concertos finais
A Foliada 17 despídese con dúas actuacións de alto nivel para pór o mellor broche a dous
días de celebración da nosa cultura. Ambas terán lugar na Praza das Coles. Ás 19h
comeza Xurxo Fernándes, un dos artistas máis singulares do panorama actual que innova
desde a tradición, amosando unha visión única sobre as músicas de raíz. O seu
espectáculo coral “Levaino!” é unha festa chea de tradición e exotismo que liga o Atlántico
co Mediterráneo.
Ás 20:30h pechan a foliada Xosé Lois Romero e Aliboria. Este proxecto presenta o seu segundo disco, Latexo, unha das propostas de máis calidade dos últimos tempos en Galicia. Un espectáculo de canto e percusión a cargo de seis mulleres e catro homes que
recolleu as mellores críticas.
O Concello de Melide convida a toda a cidadanía a celebrar esta XVII Foliada de Melide e
volver converter a vila, durante 48 horas, na capital da música tradicional galega e da
innovación cultural e musical.
Comentários