No seu concurso de disfraces do domingo repartirá 2.650 euros en premios
Laura Moure/Melide
Melide vivirá as festas de Entroido 2023 cunha completa programación que volve encher as rúas de cor, música, alegría e, sobre todo, moitos disfraces, tal e como destaca o Concello. As actividades darán comezo o venres 17 de febreiro e prolongaranse ata o mércores 22.
O Conservatorio de Música de Melide arrinca as actividades de celebración co seu Concerto de Entroido. Será mañá, venres 17 ás 20 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita.

Ao día seguinte, sábado 18, terán lugar tres actividades distintas. De 17 a 19 horas, a Praza das Coles acollerá unha fantástica Festa Infantil de Disfraces con xogos, baile, música e obradoiros. No caso de choiva, a actividade trasladaríase ao Pazo de Congresos. Tamén ás 17 horas terá lugar no Centro Social a actuación de Suso de Boente. Ás 19 horas, o Pasarrúas de Entroido saíra da praza do Convento acompañado polo Folión Gaiteiro de Herba Grileira. Percorrerán as rúas da vila e rematarán cunha espectacular foliada na praza das Coles, durante a cal se ofrecerá unha degustación de produtos típicos do Entroido.
Concurso de disfraces e desfile
O domingo 19 terá lugar o Concurso de Disfraces de Melide, co tradicional desfile dos participantes, que partirá ás 17:30 horas do Cantón de San Roque, onde previamente terá
lugar a recepción dende as 16:30 horas. O concurso celebrarase ás 18:30 horas no Pazo de Congresos. Se chovese, o desfile cancelarase e a recepción comezaría ás 17:30 horas no Pazo de Congresos.
Nesta ocasión, son tres as categorías a concurso, cun primeiro e segundo premio para
cada unha delas. Na categoría comparsas participarán grupos de máis de oito participantes. O 1º Premio será de 1.000 euros, e de 700 o segundo. Na categoría de grupos tomarán parte grupos de 3 a 8 participantes, cun primeiro premio de 400 euros e un segundo de 300. Na última categoría, a individual ou por parellas, haberá tamén dous premios. O primeiro será de 150 euros, e o segundo, de 100.
Aínda que o prazo para inscribirse remantou onte, xoves, estas amén poderán efectuarse
antes de comezar o desfile, en horario de 16:30 a 17 horas, aínda que neste caso non se poderá escoller a música para o pase polo escenario.
O xurado do concurso, conformado por membros das asociacións e entidades municipais
vinculadas á cultura e tradición, terá en conta aspectos como a orixinalidade do disfrace, o
vestiario, a maquillaxe, a coreografía e música ou a posta en escena, así como o traballo
feito a man na confección do disfrace.
Luns e martes de Entroido
O luns 20 de febreiro as e os melidense máis novos teñen unha cita na Festa de Inchábeis
do Pazo de Congresos, de 16 a 20 horas. Ademais, e de luns a mércores, o Edificio Multiusos acollerá uns talleres de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos. As inscricións poden facerse no Departamento de Cultura do Concello.
O martes 21 de febreiro, o Pasarrúas do Antroido, acompañado de Gaiteiros do País,
partirá ás 19 horas da praza do Convento. Rematará na praza dos Coles, onde actuarán as
Viqueiras de Ordes cos seus cabezudos. As e os asistentes poderán desfrutar dunha
degustación de doces e chocolates.
Ás 21 horas procederase á lectura do pregón e á queima do Entroido, póndose punto final a unhas celebracións coas que Melide recupera esta festa con plena normalidade.
Comments