top of page

Melide celebra o Día das Letras Galegas con teatro, música e un encontro de autores do municipio

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Melide

O Concello de Melide, a través da Concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, organiza un completo programa con motivo do Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro martes, 17 de maio. As actividades prolongaranse desde este venres, 13 de maio, ata o venres 17 de xuño.


A difusión da figura homenaxeada este ano, Florencio Delgado Gurriarán, centrará boa parte da programación. Deste xeito, a Casa do Concello acollerá desde este venres e ata o 17 de xuño a exposición Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra. A mostra compleméntase coa tradicional emisión dun programa monográfico a partir das 12 horas do luns 16 de maio en Radio Melide.


As Letras Galegas no ensino

Os colexios e o IES de Melide centrarán unha parte importante da programación polas Letras Galegas. Como cada ano, repartirase material de difusión da figura homenaxeada entre o alumnado dos colexios e o IES de Melide. Nesta ocasión, alén do tradicional díptico que recolle a biografía e obra de, neste caso, Florencio Delgado Gurriarán, o IES e o Concello colaboraron para a elaboración dun milleiro de estoxos que tamén se repartirán entre as alumnas e alumnos. O estoxo recolle uns versos de Delgado Gurriarán e unha ilustración obra de Sé Senande, profesora de Plástica no instituto da localidade. Todo este material será distribuído o vindeiro venres, 13 de maio.

Ademais, o alumnado do IES de Melide participará en dúas actividades no marco da programación do Concello. A primeira, o luns 6 de xuño ás 12 da mañá, será o espectáculo do grupo Zënzar Música e lingua. No encontro, os integrantes de Zënzar debullarán, de xeito ameno e visual e con axuda de recursos audiovisuais e orais, a importancia da lingua e a súa relación coa nosa cultura. O espectáculo propón, á vez, un percorrido pola historia da nosa música contemporánea, a través de artistas e grupos como Andrés do Barro, Os Resentidos, Heredeiros da Crus, SES ou Tanxugueiras. A actividade compleméntanse con Músicas Galegas Ilustradas, de Laura Romero, que falará e música en galego e xénero. O espectáculo Música e Lingua terá lugar no Centro Sociocultural Mingos de Pita. A segunda actividade para o alumnado será a representación de O Porco de Pé no mesmo lugar o 13 de xuño ás 12 horas.


Teatro, certames e talento melidense

A mencionada obra teatral tamén terá unha función para o público xeral. Será o sábado, 11 de xuño, ás 21 horas no Centro Sociocultural Mingos da Pita. Esta obra teatral de Producións Teatrais Excéntricas, dirixida por Quico Cadaval, adapta e reimaxina o clásico texto de Vicente Risco. Esta sátira, de plena vixencia logo de case un século, saíu do maxín do polígrafo ourensán e cobra unha nova forma sobre os escenarios da man de Quico Cadaval, cun elenco conformado por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.

O propio día das letras, o 17 de maio, o Centro Sociocultural Mingos de Pita acollerá o acto Melide e a literatura. 1º Encontro con autores/as melidáns/ás no Día das Letras Galegas. Participarán nesta xuntanza de talento local Antom Laia, Xesús Lois Mariño, María Xesús Blanco, Xosé María Santín, Luisa Pereiro, Fe Núñez, Paco Veiga e Xosé de Cea. Será ás 19 horas.


O mesmo Día das Letras Galegas, o xurado do II Premio de Relato Curto en Prol da Igualdade dará a coñecer ás persoas gañadoras do certame. Este concurso, centrado en relatos cuxa temática se relaciona coa muller, conta con tres premios, de 350, 200 e 150 euros, respectivamente.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

ILUMINADOS

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page