Melide, Arzúa, Palas, Santiso, Toques e Monterroso piden repensar o anteproxecto sobre a mobilidade
- ecosdacomarca
- 7 jun 2022
- 2 Min. de lectura
Alcaldes e representantes destes concellos reuníronse este martes no Consistorio melidense para dar unha resposta común ao impacto que a nova normativa terá sobre o transporte público
Laura Moure/Melide
Representantes de seis concellos da contorna de Melide reuníronse hoxe na Casa do Concello para fixar unha resposta común ante o Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible do ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Na reunión estiveron presentes o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, os rexedores de Palas de Rei (Pablo
Taboada), Santiso (Manuel Adán), Arzúa (José Luis García) e Toques (José Ángel Penas), así como o tenente de alcalde do Concello de Monterroso (Luis Mariño).

Logo da xuntanza, os representantes de seis concellos, que suman case 24.000 habitantes entre as provincias da Coruña e Lugo, instan ao Goberno central a reformular a súa proposta dado que, en palabras dos rexidores, “aínda están a tempo de escoitar esta demanda social”.
Na xuntanza deste martes os alcaldes expuxeron a precaria situación na que o Anteproxecto deixaría a ligazón por transporte público dos pequenos concellos coas cidades galegas. Esta situación afectará a estudantes que cursen os seus estudos nestes grandes núcleos, pero tamén a todas aquelas persoas que deban desprazarse a unha capital provincial ou outra cidade por trámites administrativos ou doutro tipo, así como consultas con especialistas médicos.
Os representantes dos concellos afectados salientan que o anteproxecto deixa moi desprotexidas ás persoas de máis idade dos nosos concellos, que representa un importante sector poboacional, pero tamén afecta negativamente ás persoas máis novas, desincentivando os proxectos vitais ligados ao medio rural e ás pequenas vilas, ademais da demanda de transporte público que xera a localización de varios municipios no Camiño de Santiago.
Os alcaldes reunidos en Melide convidan ao Goberno central a unha reformulación do Anteproxecto que teña en conta que as áreas rurais constitúen a ampla maioría da xeografía española e convidan ao Goberno do Estado a “revisar esta normativa, para o que contarán con toda a nosa colaboración”.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Komentarai