É necesario confirmar asistencia para ver Doutor Milagre & CO e terá un aforo de 100 persoas
Laura Moure/Melide
O Centro Sociocultural Mingos de Pita acollerá este sábado, 27 de febreiro, o espectáculo musical e teatral Doutor Milagre & CO da compañía Educatreato.
Unha das escenas desta obra teatral. Foto: Cultura de Galicia
A cita, que será ás 19:00 horas, está dirixido ao público infantil e familiar. E terá un aforo de 100 persoas para tomar todas as precaucións fronte á crise sanitaria. Os interesados en asistir deberán confirmar previamente a súa asistencia a través do teléfono 981 505 003 (extensión Cultura) ou do correo electrónico reservasculturais@concellodemelide.gal
Elenco e resumo
O elenco desta obra fórmano Marcos Alonso, Bea Campos e Paulo Medal. É un explosivo espectáculo de rúa, como informan desde Cultura de Galicia, onde grandes e pequenos poderán probar de primeira man os "efectivos" produtos do Doctor Milagre. Sofre de alopecia? Séntese débil e decaído? Sen apetito...de ningún tipo? Cos produtos do Doutor Milagre desaparecerán todos os problemas! Agobiado polas débedas, e coa necesidade imperiosa de facer fortuna, este inconsciente médico/inventor farase cun vello autobús para convertirlo nun auténtico show da venta ambulante. Música, improvisación, xogo, baile, comedia, diversión e moito máis neste delirante espectáculo de rúa.
Comments