top of page

Medio Rural inicia a consulta pública para a parcelaria dos montes de Arca e Pereira no Pino

Nunha reunión celebrada na Xunta o alcalde solicitoulle ao conselleiro e a directora xeral de Agader poñer en marcha este proceso, que afecta a 837 e 349 hectáreas


Laura Moure/O Pino

A Xunta de Galicia ven de por en marcha a tramitación para a avaliación previa das zonas de reestruturación parcelaria dos montes de Arca II e de San Miguel de Pereira no municipio do Pino, con 837 hectáreas e 349 hectáreas respectivamente. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde do Pino, Manuel Taboada, nunha reunión celebrada na sede da Consellería en San Caetano, na que tamén estivo presente a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.


Esta reunión celebrouse a petición do alcalde, despois de que o conselleiro visitase O Pino o pasado 31 de xaneiro. Manuel Taboada agradeceulle a José González a rapidez en poñer en marcha estas novas concentracións parcelarias “que lle van facilitar á veciñanza poñer en valor os montes, fomentar o mantemento e a sustentabilidade das parcelas e facer unha explotación máis racional das súas terras. Unhas medidas que tamén contribúen a previr incendios forestais nunha das zonas máis poboadas do municipio”, asegura o alcalde.

A Xunta xa ten publicada na web sobre parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución destas zonas, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 3 de abril. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a estes dous procesos.


Tanto o alcalde como a Xunta destacan que no Concello do Pino xa se remataron 13 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 9.319 hectáreas, afectando a 80.724 parcelas e a 11.124 predios resultantes de 5.705 persoas propietarias.

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, lembran dende a Consellería de Medio Rural. Así, permite reorganizar parcelas de cara ao redimensionamento das explotacións, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción, incrementando a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Así mesmo, posibilita mellorar as vías de comunicación, non só para as parcelas, senón entre poboacións, o que supón maior dotación de servizos básicos que potencian a calidade de vida no rural, entre outras actuacións relativas a infraestruturas, engade a Consellería.

Dende a Xunta séguense impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este ano, a Xunta ten previsto investir 17 millóns de euros no desenvolvemento de distintas zonas de concentración parcelaria e destaca que se destinarán 6 millóns de euros a un plan extraordinario para arranxar camiños de parcelarias.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page