Laura Moure/Rodeiro
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Rodeiro na redacción dun estudo de mellora paisaxística. O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, mantivo unha reunión co rexedor, Rubén Quintá, e co concelleiro Pablo Sobrado aos que lles trasladou a colaboración técnica da Xunta para a elaboración desta ferramenta.

Sobrado, Quintá e Barea durante a reunión.
O director do IET adiantoulle as pautas iniciais que debe seguir para levar a cabo as actuacións de mellora, conservación e recuperación da contorna paisaxística nalgúns lugares do concello. A modo de exemplo, indicoulle que este traballo debe partir dunha análise daqueles lugares de interese, sobre os que o Concello desexe actuar. Así, este documento recollerá a información dos lugares prioritarios para intervir e as medidas preventivas de conservación ou de nova creación para potenciar e poñer en valor o patrimonio paisaxístico e etnográfico. Francisco Barea indicoulle que, unha vez redactado o documento, este será supervisado polos servizos técnicos do IET co fin de garantir que se adecúa e é acorde á normativa que rexe a paisaxe galega.
Comments