MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero chega a Lalín
- Laura Moure
- 26 oct 2023
- 2 Min. de lectura
É unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno de España, que dá inicio ao programa de actos organizados con motivo do próximo Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Laura Moure/Lalín
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou este mércores na Subdelegación do Goberno en Pontevedra o proxecto de sensibilización MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller desta Subdelegación, que dá inicio ao programa de actos organizados con motivo do próximo Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O proxecto pon ao dispor da cidadanía da provincia, a través de cinco “maletas viaxeiras”, un conxunto de materiais sobre feminismo e prevención das violencias machistas. No acto, o delegado entregou estas maletas ás representantes dos concellos de Lalín, O Rosal, Marín, Soutomaior e do Centro de Emerxencia para Mujeres en situación de Violencia de Xénero de Vigo (CEMVI), que recolleron a testemuña dos concellos e entidades que xa participaron neste proxecto desde o seu inicio en 2021.
Publicidade
O delegado insistiu na responsabilidade que deben asumir as institucións públicas “na construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias machistas”, e remarcou “o papel fundamental que xogan os Concellos para que este tipo de campañas cheguen a maior parte da poboación, fundamentalmente na zona rural, que é a que ten máis dificultades para acceder a materiais e iniciativas desta natureza”.
Así mesmo, Pedro Blanco agradeceu ás responsables destes cinco concellos e institucións o interese neste proxecto e o seu compromiso coa educación en igualdade, “unha ferramenta fundamental para combater as violencias contra as mulleres”. No acto participaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; a concelleira de Política Social, Muller e Igualdade do Concello de Lalín, Carmen Canda; a concelleira de Igualdade do Concello de Soutomaior, Rosana Comesaña; a responsable do CEMVI, María Elena Molanes; así como a subdelegada do Goberno en funcións, María Isabel Alonso, e a responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller de Pontevedra, Manuela Vilaboy.
Publicidade
A estancia inicial das “MAVI” nestes concellos será de tres meses, tras os cales estas maletas continuarán a súa viaxe por outros concellos, casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, bibliotecas, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia. “É unha viaxe sen data de volta”, explicou o delegado, “xa que o proxecto continuará percorrendo a provincia e aumentando os libros que viaxan nestas maletas”.
Publicidade
A iniciativa MAVI A iniciativa MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero está integrada por cinco maletas que conteñen libros, dirixidos a un público adulto e infantil, de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista. Son textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico #ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades. O proxecto comezou a súa andaina no Centro Penal da Lama no 2021 e xa pasou por sete concellos da provincia.
Comments