A atleta silledense pertence á Escola Club Atletismo Deza
Ecos da Comarca/Deza
A atleta silledense da Escola Club Atletismo Deza Marta Lázara participou este sábado na Final B do Campionato de España Sub 16 por equipos, en Cantabria. Puido asistir a esta proba co equipo da Atlética A Silva, que acadou un quinto posto. Nas probas individuais Marta obtivo un segundo posto en xavelina e primeira na proba de relevos.
"Dende a Escola mostrámonos satisfeitos con estes resultados, posto que estamos a principio de tempada, ademais de que, nestes intres, non dispoñemos de instalacións para adestrar os lanzamentos e as carreiras en curva. Por iso, agradecemos ao A Silva por facilitarnos as súas instalacións de Ordes nas últimas semanas para que a nosa atleta puidese adestrar os seus lanzamentos e as diferentes probas".
Recollida de lixo
A escola ademais sinala que na xornada de onte fixeron unha recollida de lixo por diferentes puntos da vila. "O obxectivo desta actividade é concienciar sobre a importancia de coidar o medio ambiente aos máis pequenos, mentres disfrutamos dunha actividade familiar. Estivemos por diferentes puntos do Paseo do Pontiñas e tamén polas Carballeiras do Rodo e de Donramiro. Medio cento de persoas participaron nesta actividade que tivo un gran éxito e que de seguro repetiremos en máis ocasións. Para rematar a xornada gozamos dunha merenda, que foi aportada polo Fogar de Asorey, un dos patrocinadores do club, e tamén realizamos xogos en familia no Campo de Fútbol".
O club agradece ao concelleiro de Medio Ambiente de Lalín, César Reboredo, "por achegarse ata un dos puntos de recollida e participar nesta actividade. Así como ao Fogar de Asorey pola súa achega e tamén a todas as familias participantes".
Comments