Marta Gontá, Xulio Fernández e Patricia Coucheiro serán as voceiras da Plataforma Ulloa Viva
- Laura Moure

- 16 jul 2025
- 4 Min. de lectura
Juan Pedro Sánchez, Ana Otero e Serxio Núñez son o presidente, secretaria e tesoureiro elixidos en asemblea xeral o 5 de xullo
Laura Moure/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva celebrou o pasado 5 de xullo en Palas de Rei unha asemblea xeral de socios e as súas primeiras eleccións democráticas ás que estaban convocados os máis de 1.700 socios. Como resultado das votacións, resultou elixida unha das dúas candidaturas que optaban á Xunta Directiva, a encabezada por Juan Pedro Sánchez (Presidencia), Ana Otero (Secretaría) e Serxio Núñez (Tesourería). O novo presidente da plataforma é educador social e veciño de Antas de Ulla, a secretaria é funcionaria e tamén veciña de Antas e o tesoureiro é docente e veciño de Visantoña (Santiso).

A xunta directiva electa o pasado 5 de xullo está a traballar intensamente tanto no traspaso de poderes en colaboración coa anterior, coma nas liñas e estratexias de futuro no fin único da Plataforma Ulloa Viva: a loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Con este obxectivo, a secretaria da Xunta Directiva, Ana Otero, explica nunha comunicación enviada aos socios o “concepto aperturista” da plataforma “co obxectivo principal de que o Proxecto Gama non se instale na Ulloa”. Por iso sinala Otero “consideramos a calquera persoa ou calquera organización que comparta con nós este obxectivo como un aliado na nosa loita”.
Pola súa banda o tesoureiro, Serxio Núñez, lembra na mesma comunicación da xunta directiva aos socios que “a Plataforma é apartidista e non fará proselitismo de ningún tipo de ideoloxía más aló que da confrontación do Proxecto Gama e das políticas en contra do territorio”. O presidente, Juan Pedro Sánchez, sinala que “as e os socios recibirán informacións periódicas das actividades realizadas e as accións e propostas” e destaca que, como non podía ser doutro xeito “responderemos a calquera das demandas de información que nos propoñades”. A Plataforma Ulloa Viva ten clara unha mensaxe que ten que guiar esta loita até afastar de xeito definitivo a ameaza de Altri do territorio, “ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas, Altri Non”.
Publicidade
Por outra banda, a Xunta Directiva da Plataforma Ulloa Viva emanada da asemblea xeral de socias do pasado 5 de xullo decidiu nomear voceiras da plataforma a Marta Gontá, Xulio Fernández e Patricia Coucheiro, de xeito que serán estas tres persoas as que atendan aos medios de comunicación e transmitan no día a día os pasos, estratexias e valoracións públicas precisas relacionadas coa loita desta plataforma contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Gontá, Fernández e Coucheiro son, desde o comezo desta loita de Ulloa Viva, coñecedores de primeira man e por experiencia propia, coma veciñas das zonas afectadas, da acción veciñal da Plataforma Ulloa Viva contra o Proxecto Gama.

Marta Gontá foi a primeira presidenta da Plataforma Ulloa Viva, nada en Antas de Ulla, veciña de Monterroso e co seu posto de traballo en Palas de Rei, encarna coma ninguén o espírito da loita que desde o primeiro momento levaron a cabo as veciñas e veciños organizados na Plataforma. Xunto a Marta Gontá naqueles comezos da loita estaba tamén como un dos voceiros da Plataforma Xulio Fernández, vencellado co sector agrogandeiro da zona e tamén veciño de Monterroso. Nas portavocías de Ulloa Viva estará tamén Patricia Coucheiro, profesora de Filosofía e unha gran activista da Comarca da Ulloa, na que participa en diversas iniciativas e colectivos sociais, veciñais, culturais e de dinamización do territorio.
Todas elas son conscientes da súa responsabilidade á hora de ser a voz e a cara da Plataforma Ulloa Viva nun momento da loita no que, máis ca nunca, vai a ser preciso transmitir publicamente á cidadanía aspectos relativos á tramitación e os procedementos xudiciais arredor do Proxecto Gama, que conta desde o pasado mes de marzo con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable por parte da Xunta e que está pendente de recibir vía Diario Oficial de Galicia (DOA) a Autorización Ambiental Integrada (AAI), declaración de utilidade pública e o resto dos trámites que permitirían a Altri-Greenalia comezar no territorio as obras da macrocelulosa en Palas de Rei.
Publicidade
As tres voceiras están en permanente contacto e informadas puntualmente do traballo que levan a cabo os distintos grupos de traballo dentro da Plataforma que traballan nas análises, decisións e estratexias para afrontar os novos retos que terá que afrontar a veciñanza diante dos avances na tramitación do Proxecto Gama e as decisións políticas e administrativas que se están a tomar e se tomarán no futuro a respecto do proxecto da macrocelulosa.
Na súa labor de voceiras que teñen asumido de xeito altruísta e cun claro compromiso persoal coa loita contra Altri, teñen claro que “esta loita é obrigada” e que “ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas. Altri Non”.








Comentarios