Mario López e María Iglesias soben aos postos de saída da candidatura de Alba Forno
- Laura Moure

- 22 abr 2023
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Lalín
O actual concelleiro do PSOE de Lalín Mario López subirá ata o posto número tres,
mentres que María Luz Iglesias chegará ao catro na candidatura socialista de cara ás
eleccións municipais de maio. Ambos forman parte da corporación municipal e
“seguiremos traballando man a man na próxima lexislatura”, expón a candidata á Alcaldía, Alba Forno.

Por un lado, Mario López, fillo do primeiro e histórico candidato socialista á Alcaldía de Lalín, Nicolás López López, é veciño de Lalín e comercial de profesión. Presidiu o Club
Balonmán Lalín dende 2018 ao 2022, un deporte co que leva vinculado décadas e do que foi xogador, árbitro, delegado ou adestrador. Na anterior candidatura foi no posto número 7 e Alba Forno decidiu subilo ao posto 3. Foi a última incorporación do grupo socialista á corporación municipal e resalta que “para min é unha satisfacción que Alba queira me poña en postos de saída para seguir traballando para acadar un Lalín mellor”. López
móstrase agradecido con Forno por seguir contando con el e afirma que se implicará en
todo “principalmente nas áreas que máis domino, comercio e deportes, que son
fundamentais na nosa vila e nas que hai moito traballo que facer”. Ademais, asegura que
“o grupo socialista presenta unha candidatura renovada, con moita xente nova e preparada e que está con gañas de traballar para todos e todas, non só para uns poucos. Lalín merécese un Goberno á altura da nosa veciñanza e da nosa vila e con Alba conseguirémolo”.
En canto a María Iglesias, é veciña de Vilatuxe, licenciada en Bioloxía e compatibiliza o seu traballo como propietaria dunha explotación avícola cun ultramarinos familiar. Entrou en maio de 2020 a formar parte da corporación municipal e “que Alba siga confiando en min para sacarme en postos de saída é unha honra”, indicou a concelleira. Así mesmo,
móstrase “entusiasmada polo proxecto que encabeza Alba. Creo que é renovador,
revolucionario e que ofrecerá un aire novo á política, que fai moita falla”, expón. Considera
que aínda ten moito que achegar como concelleira “porque nestes catro anos vimos un
rural que se esmorecía e que foi o grande esquecido deste Goberno, e é preciso traballar
neste eido. Coidar máis a nosa natureza, potenciala e dinamizala. Facer do noso rural un
atractivo para vivir e emprender”.
Pola parte de Alba Forno, agradécelle aos actuais concelleiros que queiran “seguir
traballando ao meu carón, dedicándolle tempo a nosa veciñanza e defendendo os dereitos de todas e todos”. Resalta que chegaron no medio do mandato, pero “dende o primeiro momento se implicaron por coñecer máis sobre a administración municipal e por presentar propostas para beneficio de todos e todas”.







Comentarios