Asegura que a clausura da instalación se debe "a unha decisión unilateral do concelleiro, incapaz de xestionar o persoal"
Ecos da Comarca/Lalín
O concelleiro socialista de Lalín, Mario López, cargou este venres contra o responsable municipal do Lalín Arena, Avelino Souto, asegurando "que volve mentir" sobre os motivos reais do peche do multiusos durante a primeira quincena de agosto. López asegura que o cerre sistemático da instalación neste período se debe a “unha decisión unilateral do concelleiro que, ante a incapacidade para xestionar o pavillón e o seu persoal opta por deixar a centos de usuarios sen este servizos público no momento do ano no que moitos e moitas teñen máis tempo para facer deporte”.
Sinala que clausurar o Arena en agosto pode ser unha decisión política cuestionable e debatible, “o que non é tolerable e que Souto, como servidor público, se ría dos usuarios/as mentíndolles cada ano ao buscar unha escusa nova coa que xustificar o cerre”. “Un ano foi o cambio de tres máquinas do ximnasio que se fixo nunha mañá, logo alegou actuacións na piscina, que non cuestionamos, pero que non impedirían en ningún caso o normal funcionamento do resto da instalación”, engade.
López indica que nesta ocasión tan só se informa de que o peche se produce por “cuestións de mantemento, sen dar ningunha explicación concreta do que se vai facer e de por que vai afectar a espazos como a sala de musculación ou ás pistas de pádel”. Esixe que “como mínimo o 17 de agosto estea en pleno funcionamento o baño turco que leva avariado desde hai case un ano”.
Publicidade
O concelleiro socialista recalca que a clausura arbitraria do Lalín Arena por parte de Souto "provoca un profundo malestar en moitos/as deportistas que se ven na obriga de paralizar ou modificar as súas rutinas deportivas e incluso desprazarse a ximnasios privados ou a outros municipios". “A xente non quere que lle devolvan os cartos nin que lle amplíen o prazo de caducidade dos bonos, quere facer deporte en verán nunha instalación pública, pero a nefasta xestión do PP impídello”, conclúe.
Comments