Marichelo Penoucos e Ramón Otero, socios de honra de Amigos da Empanada da Bandeira
- Laura Moure
- 21 jul 2022
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
Marichelo Penoucos Castiñeiras, unha das fundadoras da Festa da Empanada, e Ramón Otero Sotelo, primeiro presidente da Asociación Amigos da Empanada, recibirán nas vindeiras semanas a máxima distinción da entidade bandeirense, tras a proposta e votación, por unanimidade, da actual directiva.
Andrés Seoane, presidente da organización, destaca a enorme contribución dos socios distinguidos, e apunta que “grazas ao seu esforzo e compromiso hoxe a Festa da Empanada e a vila de Bandeira son coñecidas en toda Galicia” sendo “dous piares fundamentais na historia da nosa asociación”. Seoane ademais pon en valor a necesidade de “escoitar e aprender das veteranas e veteranos do noso pobo, porque é a única forma de avanzar sen esquecer as nosas orixes e as nosas raíces”.
Otero e Penoucos súmanse a Lola Sangiao e Carmen Pillado, recentemente finada, que ata a actualidade eran as únicas persoas que posuían esta categoría de honra. A Asociación Amigos da Empanada non descarta declarar a máis socios no futuro porque “hai moitas persoas que realmente o merece”.
Na imaxe, Marichelo Penoucos nunha conferencia organizada pola Asociación Amigos da Empanada.
Comentarios