A subdelegada do Goberno na Coruña foi a pregoeira da XXIII Feira da Troita, xunto ao xornalista Marcial Mouzo, cita que se celebrou onte
Laura Moure/Sobrado
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reivindicou a beleza cultural e natural de Sobrado dos Monxes durante o seu discurso como pregoeira da XXIII Festa da Troita, un produto que destacou como o buque insignia da gastronomía sobradesa. María Rivas estivo acompañada polo alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, así como polo presentador da CRTVG Marcial Mouzo, que foi tamén pregoeiro da festa que tivo lugar, onte domingo. María Rivas fixo un percorrido pola historia e a xeografía de Sobrado, enumerando as súas bondades.
A subdelegada destacou o nomeamento da vila como Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2015, “co seu mosteiro á cabeza, e xunto ás catedrais de Lugo e Mondoñedo, como parte do Camiño de Santiago”. De feito, o seu mosteiro é un dos elementos que máis marcou a historia sobradesa, tal e como lembrou a subdelegada. “Os monxes crearon a fantástica lagoa que ten Sobrado entre os anos 1.500 e 1.530, para dar servizo aos veciños como regadío das terras e, por suposto, para criar todas as troitas que logo acababan nas cociñas do propio mosteiro”, sinalou María Rivas.
Publicidade
Son esas as mesmas troitas que continúan dando sustento ao concello, que hoxe as aproveita para festexar un dos eventos gastronómicos máis singulares de Galicia. Así o destacou a subdelegada do Goberno, que aproveitou para poñer en valor o compromiso das xentes de Sobrado dos Monxes coa súa tradición, “mellorando a festa a cada ano que pasa”. “É un pracer para min e para Marcial corresponder ao voso agarimo e compartir este acto con todos e todas vós”, apuntou a subdelegada. Marcial Mouzo, durante a súa intervención no pregón, destacou tamén a gastronomía sobradesa, destacando os numerosos pratos que se elaboran na festa e no cotián coa troita como materia prima. O presentador tivo tamén palabras para antigos pregoeiros. A dúo, María Rivas e Marcial Mouzo convidaron ás e aos sobradeses unhas felices festas e un bo xantar.
ECOS DA COMARCA estivemos alí e tamén os entrevistamos. SAIRÁ O VÍDEO COMPLETO DESTA ENTREVISTA E DE MÁIS MOMENTOS DA FESTA OS VINDEIROS DÍAS.
Un Goberno comprometido co rural
María Rivas puxo en valor desde Sobrado dos Monxes os programas que o Goberno está a levar a cabo no rural, como o da ‘Administración preto de ti’ ou o programa de carteiros rurais, ambos coa finalidade de que a cidadanía do rural, sobre todo a de maior idade, coñeza e teña a posibilidade de realizar trámites desde a súa localidade.
Publicidade
Na mesma liña foi o xa finalizado da Axencia Tributaria, que permitía aos maiores de 65 anos realizar a súa declaración da renda desde as instalacións do seu concello e con axuda de persoal especialista. Outro dos programas que a subdelegada subliñou foi o UNICO-Banda Ancha, que executou 19,4 millóns de euros neste 2024 para estender a banda ancha ao conxunto de Galicia e 53,2 millóns para ofrecer conexión 5G nas zonas rurais. Valorou, en definitiva, o impacto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, “que posibilita unha Galicia mellor con case 4.000 millóns de euros investidos no territorio e un impacto que repercute directamente no día a día de todos os cidadáns e cidadás”.
Comments