Un día esquecíaselle a tixola o lume e outro poñía o vestido ao revés
Ecos da Comarca/Rodeiro
Deixamos por aquí un artigo de opinión do candidato socialista á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas. "Basado na realidade de unha familia de Rodeiro que se puxo en contacto conmigo por esa inversión no edificio polivalente, dado que en Rodeiro non hai un centro de día", puntualiza o socialista.

ARTIGO DE OPINIÓN
María, de Rodeiro, empezou con despistes hai dez anos. Un día esquecíaselle a tixola
o lume e outro poñía o vestido ao revés. Atendeuna un neurólogo no Clínico despois
de moito tempo. Dixéronlle que tiña deterioro cognitivo, e que lle viría ben ir a un
centro de día, xa que así se retrasaría a súa demencia. A familia díxolle ao médico que
en Rodeiro non había diso e o neurólogo encolleuse de hombreiros.
Esperou máis dun ano ate que lle deron unha axuda como persoa dependente. Xa non coñecía nin ao seu home cando a subiron nunha ambulancia para levala, mañá tras mañá, ao centro de día de Lalín. Mareábase en cada viaxe, vomitaba e tiñan que mudala de roupa ao chegar. Aínda así, notáronlle melloría, porque alí tiña monitores que a motivaban.
Hai cinco anos, xa non puido ir máis cara Lalín: nin o corpo nin a cabeza lle permitían o
traqueteo. Quedou na casa, sen centro de día e cunha axuda dunhas horiñas no fogar que ás veces o Concello lle enviaba e outras non. Dependía de que os seus a coidaran mentres se ía convertendo nunha muller morta en vida fronte a unha televisión que falaba sen que ela a entendera. Non tiña coidados profesionais e os seus fillos facían miragres para movela e que non se lle fixeran feridas no corpo por estar na mesma posición, algo case imposible.
Pasou mañás e tardes mirando ao baleiro dende o sofá, sen calidade de vida. Tamén sen compaña durante moitas horas, porque os seus queríana moito, pero ademais de coidala tiñan que traballar para vivir. María xa
morreu.
Que o PP de Luis López e Cati Somoza lle miren á cara á súa familia e lle conten que van empregar outros 200.000 euros (e xa van 900.000) en facer unha aula informática e un salón de actos no centro polivalente, cando en Rodeiro non vai quedar nin o apuntador. E que, sen embargo, nese edificio non haberá un centro de día nin outros servizo para coidar aos maiores. Que llo digan tamén aos veciños e veciñas que condenan ao mesmo que a María, porque esta historia, por desgraza,
repítese nas catro esquinas de Rodeiro. Eu, que teño pais e veciños maiores ou dependentes, non sería capaz.
José Luis Camiñas, candidato socialista á alcaldía de Rodeiro
Comments