O alcalde de Silleda lémbralle ao PP local que agás investimentos en organismos ou entidades que dependen da Administración Autonómica, a aposta por Silleda nos orzamentos da Xunta "é pírrica nos últimos anos"
Laura Moure/Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, ante as manifestacións realizadas polo voceiro do PP e deputado provincial Ignacio Maril, sobre os investimentos da Deputación, recoméndalle que “faga unha análise profunda e comparativa dos investimentos das institucións provinciais e autonómicas nos últimos anos”.
Así mesmo tamén lle advirte que debe de informarse mellor antes de dicir publicamente que a Deputación non estivo á altura durante a pandemia, xa que esta institución, da que Maril é ademais deputado, destinou o 1% do seu orzamento ás axudas a hostalería, o sector máis castigado pola crise da Covid, e autónomos cun total de 1,64 millóns de euros.
Tamén lembra que durante a pandemia foi a Deputación quen axudou con programas de conciliación coma o que se puxo en marcha en Silleda, baixo o lema Cóidame, un servizo sen custe algún para as familias. No caso de Silleda, as últimas axudas outorgadas a hostalería contaron ca aportación de máis de 25.000 euros por parte da Deputación.
“O balance inversor da Deputación na comarca non ten o mesmo equilibrio que o que fai a Xunta”, engade Cuiña, lembrando “que no caso de Silleda aínda seguimos pendentes por exemplo de actuacións moi necesarias e anunciadas no seu día como as reformas nos centros escolares”.
“Isto non é confrontar como di o señor Maril, isto é poñer os números enriba da mesa e cando cantan, cantan”, apunta Cuiña.
Comments