Manuel Cuiña propón o Carné+65, con tarifas planas para desprazamentos en taxi dos maiores ao médico
- ecosdacomarca

- 28 abr 2023
- 2 Min. de lectura
A candidatura socialista de Silleda ultima o seu programa electoral con apostas continuistas e destacadas novidades
Ecos da Comarca/Silleda
O equipo de Manuel Cuiña incluirá no seu programa electoral para o 28-M unha proposta para seguir bonificando actividades ás persoas maiores de 65 anos.
Así, o grupo propón a creación do carné +65 con distintas actuacións e descontos, e que incluirá a bonificación de desprazamentos das persoas de 65 anos ou máis que residan nas parroquias do rural en taxi para acudir aos dous centros de saúde do municipio.

“É unha proposta factible á que daremos forma en colaboración co sector e que virá a complementar outros medios de transporte”, indica o Alcalde e candidato á alcaldía de Silleda. Con esta medida tamén se busca facilitar os desprazamentos ás dúas vilas das persoas maiores que viven no rural, con gran dispersión xeográfica. A idea é establecer tarifas planas para as persoas usuarias do servizo.
O carné +65 suporá implementar os descontos para a poboación maior de 65 que xa se comenzaron a aplicar no seu día a través do Club do Centro Social dos Maiores. O grupo está a ultimar o seu programa electoral, que incluirá a implementación de medidas xa en marcha e outras propostas novas que se irán dando a coñecer nos vindeiros días.
“Faremos, unha vez máis, un programa con apostas realistas, despois de seguir cumprindo na súa maior parte os anteriores programas”, indica Cuiña. Os servizos para as persoas, a mocidade, políticas de Igualdade, un urbanismo sostible, novas infraestruturas e outras apostas que chegarán ca entrada en vigor do PXOM, cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible sempre presentes, serán algunhas das claves do programa electoral na carreira do 28-M.







Comentarios