Ecos da Comarca/Silleda
O candidato á Alcaldía e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, informa, ante as publicacións recollidas nos medios sobre a petición do PP para un debate electoral, que non ten ningún problema en participar no mesmo. "E máis se quere debatimos mañá mesmo”.

Cuiña afirma ademais, que para chegar o maior número posible de persoas e que teña unha maior repercusión, o ideal é reproducir o formato das elección municipais de 2015, cando o debate electoral entre as e os candidatos se retransmitiu nun medio radiofónico. “É o mellor mecanismo para chegar a toda a cidadanía”, polo que anunciou que “estamos abertos a chamada dos medios a partir de hoxe mesmo, para celebrar o debate canto antes”.
O alcalde di tamén, que non comparte que se teña que acordar previamente as temáticas sobre as que xiraría o debate, xa que considera que calquera que aspira a ser Alcalde de Silleda non debería ter medo a debatir sobre calquera cuestión “a non ser que o que pretenda é levar o seu discurso escrito nun papel, que por certo é o que fai sempre”
Por último, lamenta "a pouca información" que ten o candidato do PP, Ignacio Maril, "sobre a historia da política local silledense, xa que di que este debate a tres sería unha posibilidade histórica cando neste concello houbo varios debates radiados ou televisados entre candidatos” en relación aos debates que se celebraron en anteriores comicios.
Commentaires