Manuel Cuiña nomea o novo goberno de Silleda
- ecosdacomarca
- 28 jun 2023
- 3 Min. de lectura
O venres celebrarase un pleno extraordinario para dar conta das designacións, pero na orde do día non figuran cuestións das adicacións e asistencias ao non existir aínda acordo co BNG
Ecos da Comarca/Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de nomear ao novo executivo local, cunha nova distribución por áreas da que se dará conta no pleno extraordinario convocado para este venres, día 30, ás 18:00 horas.

Así, o rexedor Manuel Cuiña continuará asumindo ademais da Alcaldía, as áreas de Economía, Seguridade Cidadá e Réxime interior. Cuiña encargarase ademais da coordinación na xestión de Fondos Europeos, que abren novas oportunidades para o futuro de Silleda e que deixarán no municipio novos investimentos nos vindeiros meses, como a creación do Camiño Escolar Seguro ao IES Pintor Colmeiro e a remodelación da praza da Bandeira e todo o seu entorno.
A concelleira Mónica González Conde volverá ser tenente de alcalde, encargándose ademais da área denominada Xestión Social, na que se inclúen distintos departamentos con políticas vinculadas directamente á cidadanía, no ámbito da dinamización cultural, deportiva e de participación. Así, González Conde continuará ao frente de dúas áreas de
peso en Silleda como son Cultura e Deporte, e sumará accións no ámbito da Mocidade, Voluntariado Normalización Lingüística e Participación Cidadá.
Pola súa banda, a concelleira Paula Fernández Pena, será a encargada novamente da área de Urbanismo, asumindo tamén a parte dedesenvolvemento económico e a medio ambiental. Fernández Pena, continuará como no anterior mandato –no que se aprobou o PXOM- como responsable de Urbanismo, así como da xestión de obras nas vilas. Suma ademais os departamentos de Industria, Comercio, Turismo -que pasa a incluirse nesta área-, Emprego e desenvolvemento sostible, apartado este último no que se inclue a xestión medioambiental de xeito transversal.
A concelleira Ángela Troitiño Gil continuará ao frente dunha das áreas máis imporantes do Concello de Silleda como é a de Benestar. Así, ademais da xestión de todo o relativo aos Servizos sociais municipais, Troitiño, será novamente a responsable de Igualdade, a área de persoas maiores, Sanidade, Educación e Diversidade. O departamento xestionar ademais un dos servizos máis importantes para a cidadanía como é o de Axuda no Fogar (SAF) que se municipalizou en xaneiro de 2022.
Pola súa banda, o concelleiro Jesús Taboada continuará como responsable da área de Medio Rural.
Así mesmo, Antonio Ferro Losada, seguirán encargándose das cuestións relativas ás obras e servizos do rural no municipio silledense.
A Xunta de Goberno Local estará composta por Cuiña, González, Fernández Pena, Taboada e Ferro Losada. As delegacións de competencias daránse a coñecer na sesión
extraordinaria do vernes na que tamén se abordarán outras cuestións relativas ao funcionamento da entidade local, como a composición dos grupos políticos e os respectivos seus voceiros/as.
Así, na orde do día figura tamén a creación e composición das comisión informativas permanentes e o nomeamento de representantes da Corporación nos órganos colexiados, así como a periodicidade das sesións plenarias, cunha proposta que fixa a súa celebración os últimos xoves dos meses impares ás 18:00 horas.
O alcalde, Manuel Cuiña, indica que “pese a non existir de momento un acordo co grupo do BNG para establecer cuestións relativas ás adicacións e asistencias, este pleno se convoca porque non podemos permitirnos ter paralizada a actividade municipal, xa que ademais da designación de áreas, é urxente nomear a Xunta de Goberno para sacar adiante cuestións do día a día como a concesión de licencias, aprobación de axudas, ou o
pago de facturas”, engade.
Comments