A dotación dun espazo de creación na Casa da Xuventude e dun banco de vivenda, ca reseva do 30 % das que se creen co novo PXOM, entre as propostas do candidato silledense
Ecos da Comarca/Silleda
O candidato e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, deu onte a coñecer algunhas das propostas do seu equipo para a mocidade que se incluirán no programa electoral. “Apostaremos por poñer en marcha políticas activas que veñan a dar resposta ás inquedanzas da mocidade, do noso futuro”, indica Cuiña. Así o candidato adianta que ademais de iniciativas de carácter lúdico e cultural, o programa incluirá propostas específicas para este sector no marco do emprego, da formación e de acceso á vivenda.
Entre elas figuran a dotación na actual Casa da Xuventude, onde se reubicou o pasado ano a biblioteca municipal, un Espazo de Creación Moza, con banco de recursos, mediateca e sala de proxeccións, para disfrutar da cultura, crear, atoparse, participar e
compartir.

No marco da creación de emprego, crearase o programa #SILLEDAEMPREGA -30, destinado á promoción do emprego da mocidade entre o empresariado. Esta iniciativa virá a complementar o programa Silleda Emprega, no que xa se mobilizan currículums da veciñanza mediando entre as empresas que buscan persoas para traballar e as persoas desempregadas que figuran nesta bolsa de emprego, que terá un apartado específico para as menores de 30 anos. “Así mesmo, neste ámbito a mocidade tamén poderá poñer en marcha os seus proxectos empresariais a través do exitoso Plan de Axuda á Creación de Emprego, que naceu no ano 2015 e que continúa con grande éxito”.
Os espazos Coworking do Viveiro de Empresas de Área 33, con tutorizacións, formación en TIC’s e outras ferramentas, serán tamén clave nas políticas de emprego que se desenvolverán para este sector da poboación, apostando por continuar tamén co programa.
“A túa primeira experiencia Laboral na Administración”, da Deputación de Pontevedra, que xa facilitou nos últimos anos o acceso ao mercado laboral de mozos e mozas que remataron os seus estudos. “Queremos ademais facilitar o acceso á vivenda dos nosos mozos e mozas, para o que desenvolveremos tres medidas específicas”, explica Manuel Cuiña. Así, o candidato e actual rexedor adianta que ser reservará o 30% do cupo de adxudicación das vivendas de protección oficial que se creen no marco do novo PXOM para mozos e mozas.
Tamén aposta por crear un banco de vivendas para o aluguer e impulsar o acceso á compra de vivenda dende a Oficina Municipal de Vivenda de Silleda.
Comments