Será na zona comprendida entre a N-525 e a AP-53, con máis de 330.000 metros
cadrados e outros 27.000 metros de zona verde na marxe do río Oisa
Ecos da Comarca/Silleda
O delegado da Zona Franca, David Regades, anunciou este xoves en Silleda a incorporación nos orzamentos do organismo estatal a financiación necesaria para o desenvolvemento “de xeito inmediato” da ampliación do polígono industrial Área 33. “A instancias do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, Zona Franca chega a este espazo tan
importante para a economía a nivel provincial e galego. E o imos facer de xeito inmediato”, engadiu Regades.
A entrada en vigor do PXOM o pasado día 8 vai permitir o desenvolvemento deste solo, para o que Zona Franca está xa traballando no estudio de viabilidade do proxecto.
No planeamento contémplase unha ampliación do parque empresarial Área 33 cunha
superficie total de 334.243,52 metros cadrados, comprendidos entre a N-525 e a AP-
53, e polo tanto cunha excelente conexión viaria.
Con esta ampliación, tamén se contempla unha zona verde de 27.274,082 metros
cadrados no entorno do río Oisa. “O desenvolvemento deste solo é para nós unha prioridade, xa que nestes momentos os 8 millóns de solo industrial de Zona Franca teñen xa unha ocupación do 100% e precisamos xerar solo industrial para evitar fugas de empresas a Portugal”, engade o delegado.
Regades agradeceu a Manuel Cuiña “que lle de a Zona Franca a oportunidade de
investir en Silleda e de que consolidemos aquí un solo industrial que no sur de Galicia
ten moito potencial”. Ademais tamén anunciou “que xa temos demanda de empresas que queren ubicarse no polígono silledense, e ter xa un solo definido nun Plan Xeral é unha oportunidade que non podemos deixar escapar”.
Pola súa banda, o alcalde, Manuel Cuiña, destacou as posibilidades que se abren ca aprobación do PXOM no marco do solo industrial e lembra que ademais de ampliar Área 33, o Plan Xeral tamén contempla unha zona industrial en Chapa, “e o desenvolvemento doutras nos puntos do municipio onde o planeamento permita ao tecido empresarial que queira levar a cabo esta iniciativa”.
“O PXOM será a pedra angular do futuro de Silleda, que permitirá ademais ganar zonas verdes, de equipamentos como a praza proxectada xa en 2019 na mazá entre Progreso, Trasdeza, Venezuela e Alonso Paz, e moitas outras actuación que poderán por fin levarse a cabo”, engade agradecendo a Zona Franca o compromiso acadado co municipio.
コメント