Carga contra Rueda por “utilizar os concellos como escudo para eludir as súas responsabilidades en materia forestal”
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O candidato ao Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE, Manuel Cuiña, constatou este mércores o “fracaso estrepitoso” da Xunta de Galicia en relación á xestión das denominadas franxas forestais de seguridade “porque non se adaptan á realidade da propiedade e o territorio galego e non solucionaron o problema de fondo: rematar cos incendios forestais”. Cuiña cargou contra o goberno do PP por “utilizar os Concellos como escudo para eludir as súas responsabilidades en materia forestal”.
“Obríganlles ás entidades locais a xestionar a limpeza das contornas dos núcleos, cando non teñen recursos nin competencias para facelo. É un despropósito que ten como consecuencia que cada ano sigan ardendo os nosos montes”, subliñou.
Publicidade
O candidato socialista fixo estas declaracións nunha visita a unha zona forestal próxima ás vivendas da parroquia de Toiriz, en Vila de Cruces, acompañado da candidata do PSdeG nas últimas municipais nesta localidade, María Manteiga. Trátase dun dos centos de núcleos das comarcas de Deza e Tabeirós afectados pola obrigatoriedade das rozas nun radio de 50 metros.
Publicidade
“A propiedade en Galicia non para de fragmentarse e, con máis de 1,7 millóns de propietarios, é inviable que os concellos poidan garantir a limpeza dos terreos, porque non teñen persoal para afrontar un proceso no que en gran parte das ocasións non se pode identificar aos propietarios ou estes non están en condicións económicas ou físicas de limpar os terreos, ao seren persoas maiores”, engadiu.
Así, Manuel Cuiña cualificou de “chapuza” o convenio con Seaga que lles ofrece a Xunta aos Concellos para a execución subsidaria das rozas. Incidiu en que a Xunta puxo ás entidades locais entre “a espada e a parede” pois, por un lado, non teñen os recurso suficientes para garantir as limpezas e, por outro, cargarán con toda a responsabilidade no caso dunha desgraza provocada por un incendio mentres a Xunta se desentende.
Publicidade
Cuiña fixo fincapé na necesidade de mudar as políticas forestais e avogou por un goberno liderado por Gómez Besteiro “no que cada administración asuma as súas abrigas”, e sexa a Xunta “quen blinde cada ano as limpezas contra os incendios ante a falta de medios dos concellos e a dispersión da propiedade”.
Comments