Ecos da Comarca/Silleda
O candidato á Alcaldía e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, incluirá no seu programa electoral a creación dunha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas locais. “Esta iniciativa virá a dar resposta ao reto do cambio climático co compromiso de uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética dos nosos edificios e instalacións”, indica Cuiña.

O seu equipo busca facer realidade ese compromiso, impulsando a Comunidade Enerxética Local como instrumento idóneo para responder os retos do cambio climático á vez que se desenvolve un modelo de empresa de economía social.
As comunidades enerxéticas locais son entidades xurídicas, formadas por unha
agrupación de socios (como persoas físicas, asociacións, Pemes, Administracións Públicas…), que voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus
obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, ambientais e económicos,
para os membros da comunidade.
“Para nós a creación das comunidades enerxéticas supón un compromiso coa
sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén xera unha oportunidade
para mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e
instalacións municipais dentro da comunidade enerxética”, engade Cuiña, lembrando
que Silleda é hoxe xa unha referencia grazas a instalacións que apostan polo coidado
do medio ambiente e o aforro como a Rede de Calor con Biomasa.
Commentaires