top of page

Manifesto do 1 de maio do PSOE de Lalín: "Por empregos con salarios dignos tamén neste concello"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Lalín

Manifesto íntegro do PSOE de Lalín do1 de maio:

"Neste 1 de maio, Día Internacional do Traballo, dende o PSdeG-PSOE de Lalín volvemos lembrar a todas aquelas persoas que ao longo do tempo loitaron por un traballo máis digno, tamén na nosa vila. Nun contexto de afectación tras a pandemia e os efectos da guerra de Ucraína por mor da invasión rusa, o Goberno presidido por Pedro Sánchez ten demostrado como nunca antes a preocupación polas clases traballadoras do noso país.


O primeiro foi co escudo social da pandemia que foi vital para millóns de traballadoras e traballadores en España, milleiros en Galicia e centos en Lalín. A suba das pensións acorde ao IPC posibilitou que de media cada pensionista lalinense reciba 76 euros máis ao mes, que o SMI que aínda cobran moitas persoas na nosa vila subirá un 15 %, unha axuda de 200 euros para as persoas de menos recurso e gratuidade do transporte público de rango estatal.

Pese a todas esas medidas, na nosa vila aínda queda moito por facer. Lalín co Goberno do PP perdeu poder adquisitivo e hoxe posúe a dubidosa marca de ser a vila galega de máis de 20.000 habitantes coa renda máis baixa e perde posicións cada ano. Polo tanto, mentres o emprego medra en toda España, en Lalín faino con menos forza e os salarios non suben por un Goberno municipal que se endebeda cada vez máis e non pon o emprego no centro das súas políticas, dedicando máis recursos a festas que a mellorar a actividade económica da nosa vila.


Cada ano centos de mozos e mozas buscan a súa oportunidade fora da nosa querida vila. A falta de chan industrial, provocada pola parálise da Xunta e a desidia do PP, fai que se agarde a ampliación do Polígono desde 2012 e non hai data clara para que a cuarta fase sexa unha realidade. Mentres tanto, en moitos lugares de España e tamén de Galicia estanse poñendo en marcha novas iniciativas industriais no marco das transicións ecolóxica e dixital empuxadas polos Fondos de Recuperación da UE. A Xunta de Galicia non destina un só euro do que lle corresponde dos fondos europeos a proxectos tractores en Lalín e Crespo é cómplice e cala mentres esta oportunidade histórica pasa de longo nunha vila que, polas súas condicións e conexións, podería ser un motor económico no interior de Galicia.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Sen industria os salarios sempre se empobrecen e a actividade económica diminúe. Pero a apatía polo emprego e unhas mellores condicións laborais parecen non importarlle ao PP de Lalín, salvo para os seus salarios no Goberno municipal ou as contratas a dedo para as amizades con afinidade política. É tempo de mudar estas políticas. O PP fía toda a súa xestión económica a un pelotazo urbanístico para instalar un novo centro comercial, sen decatarse do dano causado no comercio local de proximidade, mentres non se aposta por facer máis humana a vida do casco urbano.


Na nosa candidatura apostamos polo emprego, por uns salarios dignos e por apoiar aos

pequenos/as empresarios/as e autónomos/as da nosa vila. Só hai que observar que os primeiros postos da nosa lista está ocupada, maioritariamente, por homes e mulleres que son asalariados/as, pequenos/as empresarios/as, comerciantes ou autónomos/as. Queremos mudar a nosa vila porque os desafíos dos vindeiros anos no emprego e na actividade económica non poden ser abordados por un Goberno estático que nunca se preocupa polos dereitos dos traballadores e traballadoras.


Por un Lalín con máis emprego digno e ben pagado".

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page