top of page

Mamá Teresa de Arzúa presentou a súa nova elaboración, unha tarta de améndoa con crema de queixos

Foto del escritor: Laura Moure / IsmaelRSLaura Moure / IsmaelRS

"É unha proposta doce na que levamos meses traballando e coa que queremos render tributo a Arzúa e ós seus recursos", recalca a empresa, sita en Ribadiso

Laura Moure/Arzúa

Este venres o Hotel Arzúa desta localidade acolleu un acto moi importante: a presentación da nova elaboración da empresa Mamá Teresa Doces Artesáns. Esta nova creación trátase dunha tarta de améndoa con crema de queixos, tamén procedentes, como non podía ser doutro xeito, de Arzúa, a terra do queixo. Ata alí tamén nos acercamos ECOS DA COMARCA!


"A tarta de Arzúa con queixo é unha proposta doce na que levamos meses traballando e coa que queremos render tributo a Arzúa e ós seus recursos", recalca a empresa, sita en Ribadiso.

Teresa Rodríguez e Andrea González coa tarta de améndoas e queixo, onte na súa presentación.

O acto, presentado polo locutor José Manuel García, contou coa presencia de profesionais da distribución alimentaria, axentes sociais municipais, representantes do equipo de goberno de Arzúa e a presidenta de Fademur, Verónica Marcos, quen destacou “a capacidade das mulleres do rural para detectar e aproveitar os recurso do seu entorno, tal e como Mamá Teresa fai”. Tampouco faltaron amigos e familiares para acompañar ás protagonistas nesta xornada tan importante. E cabe mencionar que alumnado da EFA Piñeiral de Arzúa encargouse da organización deste evento, no cal non faltou detalle.


Os segredos desta elaboración

Esta tarta de Arzúa con queixo é unha sobremesa sen glute, a base de améndoa, ovo e azúcar e unha crema de queixo elaborada con queixo do país e o queixo de pasta dura cocida Galmesán. “Buscamos unha proposta na que o matiz principal sexa a améndoa, pero no que o toque da fusión dos queixos sexa un elemento diferenciador e potenciador de sabor”, afirman dende Mamá Teresa.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

A comercialización desta nova elaboración coincidirá coa celebración da vindeira edición da Festa do Queixo de Arzúa, os días 4 e 5 de marzo, nas que todos os interesados se poden achegar a degustar e mercar a tarta no propio stand que a empresa terá no recinto feiral. Os asistentes a este acto, xa tivemos a gran sorte de degustar onte este doce tan saboroso acompañado dunha cunca de chocolate. Sen dúbida, a merenda perfecta!

Autor: Ecos da Comarca


A empresa

Mamá Teresa é un proxecto familiar que se cociña a lume lento, tal e como se definen na súa web. Teresa Rodríguez e Andrea González, nai e filla, están implicadas e comprometidas cun xeito diferente de entender a elaboración de doces. "Innovación gastronómica e tradición cimentan os valores deste proxecto", destacan.


Mamá Teresa naceu en 2014 coa finalidade de homenaxear e poñer en valor todas aquelas ensinanzas adquiridas arredor da cociña. "Traballamos día a día para ofrecer unha alternativa de calidade a todas as persoas que buscan un doce artesanal, único e distinguido. Exclusividade, proximidade e principios vencellados ao rural son fundamento para deixar pegada nos padais de quen se anime a degustar os nosos produtos", subliñan.



Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page