Malestar en Monterroso porque o usuario máis antigo da vivenda comunitaria a tivo que abandonar
- Laura Moure
- 11 feb 2022
- 3 Min. de lectura
O goberno local recalca que leva un tempo xestionando os trámites necesarios para a convertila en fogar residencial e cumprir ca normativa ao tratarse dun centro sociosanitario

Laura Moure /Monterroso
En Monterroso respírase estes días unha sensación de tristeza e frustración porque o usuario máis antigo da vivenda comunitaria tivo que abandola esta semana. Pola súa banda, o goberno local de Monterroso recalca que leva un tempo xestionando os trámites necesarios para a conversión da vivenda comunitaria en fogar residencial e cumprir ca normativa específica ao tratarse dun centro sociosanitario.
O goberno local destaca a "irresponsabilidade de gobernos anteriores" e lembra a sanción
imposta pola Consellería de Política Social polos seguintes motivos:
Deficiencias estruturais e de acabado na propia vivenda comunitaria.
Agravante pola gravidade e o risco xerado aos usuarios do centro por non poder prestar os cuidados específicos que precisan, ademais de comportar un grave risco para a súa seguridade e o seu benestar.
Agravante ao incumprir as advertencias previas do ano 2015, 2018, 2019 e 2020.
Dende o goberno local lembran que "o primeiro usuario que entrou en outubro de 2014 xa tiña un grado de dependencia moi superior ao permitido no centro, incorporándose novos usuarios que tampoco reunían os requisitos para poder residir, vulnerando a normativa e non dando unha prestación dos cuidados específicos que necesitaban os usuarios".
Así mesmo, destaca "a falta de responsabilidade e a ilegalidade ao abrir un centro e que o primeiro usuario xa incumprira totalmente poñendo en grave risco a súa saúde e benestar e desinformando totalmente as familias". Ademais, critica "a irresponsabilidade por facer unhas obras de ampliación non adaptándoas a normativa e nin sequera trasladar o proxecto aos técnicos da administración competente. O único que se fixo foi a obra material adaptándoa a un proxecto técnico non verificado, pois esta non se axusta á legalidade e hai que facer unha serie de trámites e de reformas tanto na ampliación como na propia vivenda comunitaria que lamentablemente tardan tempo en levarse a cabo”.
A alcaldesa, Rocío Seijas, lamenta que ese primeiro usuario tivera que abandonar o centro nos últimos días. "Lamento profundamente esta situación, especialmente pola persoa afectada a que lle teño un especial cariño, así como pola desinformación que se lle deu aos familiares no momento de entrada ao centro así como durante as obras”. E recalca que “o Concello foi obrigado a xestionar os traslados a un centro acorde ás necesidades”.
Ademais, sinala que “ata que eu intenteu convertelo en fogar residencial en varios reunións, ningún responsable político o fixo pois na Xunta nin tiñan constancia do local colindante nin da intención de que fose autorizado legalmente como fogar residencial. É indignante que se xogara cas necesidades dos veciños e cun tema tan delicado como son os servizos sociais”.
"Crónica dunha morte anunciada"
Pola súa banda, no perfil de Facebook Familiares Vivenda Comunitaria Monterroso expresan o seu descontento desta forma:
CRÓNICA DUNHA MORTE ANUNCIADA
Pois chegou o día no que o usuario máis antigo tivo que deixar o que foi o seu fogar dende fai uns cantos anos. Que mágoa. Este pobo morre señores, lentamente..., pero morre ou mellor dito estano deixando morrer. De catro que quedaban xa quedan nada máis ca tres. Canto lles quedará???. Que pouca humanidade hai neste GOBERNO LOCAL que temos, deberían estar alí cando tivo que marchar e verlle a cara de tristeza que levaba ao ter que marchar lonxe do seu pobo e da súa xente. Que mágoa ver como acataba que tiña que quedar nun sitio descoñecido con xente descoñecida e non podía facer nada máis que deixar as bágoas correr pola súa cara nun silencio absoluto.
Comments