Supera a cidades como Valencia, Sevilla e Palma de Mallorca, tal e como informa o Concello e segundo os últimos datos publicados polo INE
Laura Moure/Palas de Rei
Os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística (INE) invitan ó optimismo, dado que reflicten como durante o mes de maio os hoteis galegos rexistraron récords hitóricos tanto de visitantes como de pernoctacións. Palas de Rei situouse como o terceiro punto turístico de toda España con maior porcentaxe de ocupación durante o mes pasado, tal e como informa o Concello.

O auxe do Camiño de Santiago e a celebración do ano Santo contribuíron a estas cifras. Tanto o Camiño Francés, como o primitivo (ambos pasan por Palas) aparecen nas estadísticas do INE, de maio, referidas aos puntos turísticos con maior grado de ocupación. O seu 72,54% de ocupación durante ese mes, permite a Palas de Rei situarse no podio encabezado por destinos tan famosos como Torremolinos(73,39%) e Barcelona(73,26%) e superar a cidades como Valencia (69,53%), Sevilla (69,29%) e Palma de Mallorca (68,99).
O alcalde de Palas, Pablo Taboada, valora positivamente estas cifras históricas e amósase confiado nas potencialidades que oferta Palas de Rei como destino turístico de calidade. Isto reflíctese en resultados como os deste mes de maio que agarda consolidar e incluso incrementar nos vindeiros meses de verán. "O período de pandemia, tamén supuxo un punto de inflexión para o sector servizos, que experimentou unha notable reinvención e mellora. Foron varios os establecementos que aproveitaron para reformar as súas instalacións e incluso, varios abriron novos locais e negocios. E isto só é posible, se a dinamización económica está garantida, como é o caso", recalca o mandatario.
Comments