Ademais, do 14 ao 24 de decembro haberá un buzón para que os pequenos depositen as súas cartas para Papá Noel
Laura Moure/Agolada
A Concellería de Cultura de Agolada, que dirixe Concepción Carballal, xa ten pechada a programación de Nadal. Esta inclúe un concerto de corais, a visita do Apalpador, un buzón para depositar as cartas de Papá Noel, un contacontos, un campamento infantil e a tradicional Cabalgata de Reis.
Cabe mencionar que estaba previsto que a dita programación arrancara o 3 de decembro co Xantar de Nadal dos Maiores, pero debido ao aumento de casos de coronavirus en toda
Galicia decidiuse aprazar esta data.
Así o día 12 a protagonista será a música. Terá lugar un Encontro de Corais organizado pola Coral Polifónica de Agolada. A formación agoladesa actuará co Coro de Cámara Música Viva do Carballiño e co Orfeón Xoán Montes de Lugo. A cita será ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares.
Dende o día 14 ao 24 de decembro os máis pequenos da casa poderán depositar as súas cartas para Papá Noel nun buzón que estará xunto á Casa do Concello.
O día 21 Agolada terá unha visita moi especial: a do Apalpador. Estará no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares ás 19:00 horas. Esta actividade está incluída no programa Nadal en Galego do Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra.
O día 26 tamén no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares haberá un contacontos sobre contos tradicionais pero que terán un toque navideño a cargo de Cris de Caldas. Será ás 18:30 horas.
E do 27 ao 31 de decembro haberá un campamento infantil. O prazo para anotarse será do 7 ata o 17 de decembro. Está dirixido aos nenos de catro a 12 anos e estará xestionado polo empresa Enrédate. Toda a información sobre o campamento no enlace:
Por último, o día 5 terá lugar a tradicional Cabalgata dos Reis Magos.
Cabe mencionar que a celebración destas actividades estarán condicionadas pola evolución da situación epidemiolóxicas e seguiranse todas as medidas de loita contra a Covid.
Commentaires