Como cada edición tivo lugar a entrega de distintos recoñecementos e premios
Laura Moure/Lalín

Lalín acolleu este domingo na Carballeira das Nicasias a XXVIII Romaría Interxeracional, un reencontro aínda máis que agardado despois da pandemia. É unha xornada de convivencia e homenaxe ás persoas maiores e emigrantes. Asistiron máis de 800 persoas, entre elas o alcalde de Lalín, José Crespo, así como o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel -en representación da Consellería de Política Social e Xuventude-, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Antonio Crespo. Tamén estivo presente unha nutrida representación de concelleiros do grupo de goberno así como representantes municipais de CxL.
A romaría deu comezo pasadas as doce do mediodía cunha misa oficiada na propia carballeira polo párroco de Bermés, José Ramón Pena Taboada. Seguidamente, tivo lugar o concerto da banda de música “A Lira” de Prado e, tras o seu remate, interveu a tenente alcalde Paz Pérez dando a benvida aos asistentes e anunciando a entrega de recoñecementos.
Esta distinción comezou coa entrega do recoñecemento ao matrimonio con máis anos de casados por parte do conselleiro de Cultura e Educación a Celino Camilo Gil Rodríguez e Elisa Villar Lalín, que levan 68 anos casados.
No eido da distinción aos veciños que máis anos pasaron no exterior, Leontina Golmar Carballo foi distinguida como a muller que máis tempo estivo emigrada por pasar 65 anos en Venezuela, e recibiu a condecoración da man de José Cuñarro. Manuel Portos Cadavid, o home que máis tempo estivo emigrado, 66 anos (13 en Brasil e 53 en Venezuela) recibiu o premio da man de Karen Fernández.
Por outra banda, Leontina Rodríguez Gómez, de 96 anos, recibiu a distinción da veciña de máis idade por parte do xefe territorial Medio Rural, Antonio Crespo, e Celino Camilo Gil Rodríguez, de 94 anos, recibiu a mesma distinción na categoría de home de máis idade do Concello da man da directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.
Este ano houbo outro premio a maiores e de xeito excepcional a Pablo Ferreiroa Carballo, pola súa colaboración desinteresada para o Concello de Lalín e a súa veciñanza na diáspora en Venezuela e nos EE.UU., que o recibiu das mans do alcalde José Crespo.
Tras o reparto de agasallos, tanto o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez coma o alcalde José Crespo, fixeron as súas respectivas intervencións agradecendo o esforzo que os maiores fixeron e fan por Lalín.
No transcurso da súa alocución, José Crespo deu os parabéns aos premiados e tamén a Pablo Ferreiroa que foi presidente de Fillos de Lalín en Venezuela e que desde a emigración (agora en Miami) sempre bota unha man a Lalín. Explicou que Lalín é dos concellos con máis centenarios de Galicia e tamén o nome da carballeira onde se celebrou a romaría: carballeira das Nicasias (e non Casianas).
Na mesma liña se expresou o titular autonómico Román Rodríguez, destacando o esforzo e o traballo desenvolto polas persoas maiores e emigrantes por ser en tempos difíciles capaces de sacar as vosas familias adiante. Púxoos como referentes para educar as novas xeracións.
O xantar A continuación tivo lugar o xantar, cuxo menú estivo composto por empanada, polbo con cachelos, carne ao caldeiro e sobremesas. Incluíuse auga, viños, refrescos e tamén bebidas sen alcohol. Rematada a sobremesa, deuse paso ao concurso de baile con premios na modalidade individual e colectivo e finalmente a xornada pechouse cunha actuación musical a cargo de “Grupo Reflejos” e Antonio Barros e iAlma.
Ademais da comida, de música, de distintos recoñecementos e por suposto, dun cúmulo de emocións, tamén se celebrou o concurso de baile. Os gañadores foron os seguintes:
1º na modalidade de parellas: José Lorenzo e María Concepción López Varela (cea ou comida para dúas persoas no Restaurante Cabanas).
1º na modalidade individual feminino: Concha Ribeirao (merenda para dúas persoas en Pastelería París).
1º individual masculino: Higinio Iglesias (comida para dúas persoas no restaurante Onde Antonio).
2º parellas: Jesús Varela Cumplido e María Teresa Pereira Carballude (chocolate con churros na Cafetería Recanto).
2º individual feminino: Loli Gómez Barcia (regalo sorpresa de Carola Moda).
2º individual masculino: Luis Taboada (almorzo para dúas persoas en El Rincón de la Mariposa).
3º modalidade parellas: Mari Fernández Agra e José Hermida Granja (almorzo para dúas persoas no Bar La Rosaleda).
3º individual feminino: María Nélida Méndez Blanco (regalo sorpresa de Akebia).
3º individual masculino: Ángel Hermida (regalo sorpresa Tele-Seita).

Comentarios