Nesta edición participará por primeira vez a Asociación European Cheese Route
Laura Moure/Arzúa
A falta de 2 meses para o 50 aniversario, a organización da Festa do Queixo 2025 de Arzúa anuncia que xa se pechou o prazo para a inscrición de stands alcanzando cifras récord que consolidan este evento como unha das citas culturais e gastronómicas máis destacadas do país. Este ano, a Festa do Queixo acadou unha nova marca absoluta e relativa de solicitudes recibidas, con 125 inscricións no total.

Delas, máis de 80 proceden de queixerías, 28 máis que o ano pasado, marcando un fito histórico na historia do evento. Así, o concello dediciu a ampliación do espazo expositivo no recinto feiral, incluíndo por vez primeira o primeiro andar para produtos non queixeiros, tras este éxito de convocatoria sen precedentes.
Outro dos puntos destacados desta edición será a participación, por primeira vez, da Asociación European Cheese Route, unha organización internacional que agrupa rexións
e localidades con forte tradición queixeira e que traballa para promover o turismo gastronómico, cultural e rural vinculado ao queixo. Ademais, varias queixerías adscritas a
esta prestixiosa asociación estarán presentes na festa, enriquecendo a oferta cunha visión
máis ampla e conectada co panorama europeo.
Publicidade
O alcalde, Xoán Xesús Carril, destaca que "a Festa do Queixo 2025 promete ser unha edición inesquecible, combinando tradición, gastronomía e música, nun evento que medra ano tras ano grazas á confianza e o apoio tanto dos nosos veciños e veciñas como dos diferentes profesionais e visitantes que nos acompañan. A organización quere agradecer a todas as queixerías e expositores que decidiron formar parte deste aniversario tan especial”.
A edición 2025 terá lugar do 14 ao 16 de marzo en Arzúa e nos próximos días o concello abrirá o prazo para reservar espazo dos expositores no exterior e dará a coñecer novos
anuncios de actividades e programación musical e cultural.
Comments