A cita desenvolveuse na contorna da área recreativa da Tarroeira durante dúas horas e media
Laura Moure/O Pino
Máis de 30 persoas, distribuídas en dez equipos, participaron na mañá deste sábado 20 de maio na segunda edición do Pino Aventura. A actividade estivo organizada polo Concello do Pino en colaboración con Territorio Comanche e coa Xunta. Trátase dun xogo de orientación que combina exercicio ao aire libre con habilidades e agudeza mental para coñecer mellor o territorio.
Entre os participantes había persoas adultas e nenos e nenas cunha característica común: o desexo de pasalo ben. A cita desenvolveuse na contorna da área recreativa da Tarroeira, onde os equipos de entre 2 e 5 persoas deron o mellor de si para acadar a mellor puntuación posible nas dúas horas e media de competición nas que debían orientarse cun mapa para localizar unhas balizas nas que os agardaban diferentes probas de coñecementos, visión espacial, música...
Os equipos nos que había menores de 12 anos competían na categoría de Pequenos piñeiros; mentres que os formados unicamente por maiores desta idade facíano na de Exploradores piñeiros. Todos eles utilizaron un alcume na competición: houbo desde 'Aventureiras comanches' ou 'Porcos bravos' -estes últimos lucían camisetas co nome impreso para a ocasión-, ata 'Exploring Minions' ou 'Hight Ground', pasando por 'Perdidos' ou 'Centoloman'.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments