Será este domingo en Lalín
Laura Moure/Lalín
Aínda coa inscrición aberta, un total de 256 persoas están xa inscritas para participar, este domingo en Lalín, na II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ . Esta proba enmárcase no ciclo de actividades “ Coñecendo o Dano Cerebral Adquirido en Lalín” e no convenio de colaboración que une á Federación Galega de Dano Cerebral coa capital do Deza para a realización de actividades de sensibilización e prevención desta discapacidade. Conta co apoio de 17 empresas de Lalín, Comarca do Deza e Chantada.
A Carreira e Andaina Solidaria está organizada por Fegadace cos obxectivos de sensibilizar sobre a situación do colectivo do dano cerebral, visibilizar ás persoas con esta discapacidade, promocionar uns hábitos de vida saudable e realizar unha recadación solidaria para acontinuación das actividades deportivas #PoloDanoCerebral. O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e
agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 9:15 ata 15
minutos antes de cada proba.
Publicidade
Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se
ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.
As categorías absolutas da carreira, en 10k e 5k, e a Sub 16, con máis de 80 persoas inscritas ata agora, sairán ás 10:00. A partir das 11:15 aproximadamente está previsto que se celebre a entrega de trofeos, que van realizar, na compaña do presidente de Fegadace, Luciano Fernández Pintor, representantes das diferentes entidades que apoian esta iniciativa: o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; o veciño de Lalín e socio de Asociación Sarela de Santiago de Compostela, Amado López Gutiérrez e a directora da mesma asociación, Rocío García Calvo.
A continuación, a partir das 11:30 será a quenda das categorías sub14 e sub12, que realizarán un percorrido de 800m, sub10 de 250m e chupetes (que inclúe pitufos, maiores de 7 anos), de 100 m.
Por último, sairá a andaina tamén a partir das 11:30 percorrendo o circuíto á beira do Pontiñas de case 7 km. Todas as persoas participantes van recibir un agasallo. As maiores de 16 anos levarán unha camiseta conmemorativa; para as menores entregarase unha medalla.
Publicidade
Dorsais e regulamento
A recollida de dorsais vaise realizar o mesmo día no lugar de saída e meta e as persoas
participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 9:15 ata 15 minutos antes de cada
proba. Toda a información técnica está recollida no regulamento da proba. Ademais, para as persoas que queiran realizar unha achega solidaria e non poidan participar, a
organización habilitou un Dorsal 0 no que aínda se poden realizar contribucións.
Deporte e dano cerebral adquirido
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou en 2021 un Trail e Andaina Solidaria , e a I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta
equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal
causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o
sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das
persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía
persoal e reforzar a autoestima.
Comentarios