top of page

Máis de 20.000 persoas convocadas pola Plataforma Ulloa Viva berraron en Palas de Rei “Altri Non”

Foto del escritor: Laura Moure / IsmaelRSLaura Moure / IsmaelRS

Marta Gontá, voceira do colectivo, sinala que neste problema “nos meteron decisións políticas e queremos saber de que lado están os políticos”


Laura Moure/IsmaelRS/Palas de Rei

Milleiros de persoas chegadas de toda Galicia ateigaron este domingo Palas de Rei convocados pola Plataforma Ulloa Viva cun berro común “Altri Non”. Máis de 20.000 persoas multiplicaron por sete a poboación de Palas, ataviados ocon pancartas e bandeiras e chegados dende todos os recunchos de Galicia para deixar clara a súa posición en contra da instalación da macrocelulosa de Altri Greenalia en Palas de Rei.

Asistentes á manifestación este domingo en Palas de Rei.

A voceira da plataforma Marta Gontá agradeceu os apoios recibidos nesta xornada pero tamén cos que Ulloa Viva está a contar dende fai meses. O resultado, na Praza da Feira de Palas de Rei, foron máis de 20.000 persoas berrando “Altri Non”, “A auga é nosa e non da celulosa” ou “Galicia está aquí, Rueda en Madrid”.


Gontá definiu esta resposta masiva da cidadanía galega contra a madrocelulosa coma “o segundo golpe na mesa, o primeiro foron as máis de 25.000 alegacións presentadas ao proxecto, un número histórico”. A voceira da Plataforma, rodeada de veciños e veciñas da

Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa, asociacións, colectivos ecoloxistas, sindicatos e

partidos políticos, explicou que “estamos aquí para que nos poñan cara e decirlles que non queremos este proxecto extractivista que vai contra o noso modelo de vida”.


(Nos vindeiros días compartiremos máis vídeos da manifestación).


Segundo explicou Gontá “o que pretenden é privatizar recursos e bens que son de todos e

todas nós para que se lucren catro e que sexan aínda máis ‘ricos”. Por iso, a voceira da Plataforma pediu aos partidos políticos “que nos digan de que lado están”. Dixo que “neste

problema nos meteron decisións políticas, e agora que estamos outra vez en campaña queremos saber cando vaiamos votar de que lado están eles, si da veciñanza que non quere esta celulosa nin na Ulloa nin en ningún sitio de Galicia, ou do lado dos cartos e os

intereses duns poucos”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis desta empresa.

A manifestación percorreu 1,5 quilómetros entre o polígono de Palas de Rei e a Praza da Feira, foron máis de 40 os autobuses que transportaron xente de toda Galicia a Palas

de Rei, chegados dende Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo, O Morrazo ou Pontevedra. Os máis de 20.000 manifestantes desbordaron onte as rúas de Palas de Rei ao berro de “Altri Non”. Moitos dos asistentes chegaron mesmo máis tarde do previsto polos atascos que a convocatoria provocaron nas localidades veciñas de Arzúa e Melide.


Manifesto

A multitudinaria manifestación ateigou a Praza da Feira de Palas de Rei, onde rodeadas de veciños e veciñas, Maika Sánchez Fuciños (veciña de O Sexo, Agolada), e Mónica Cea

(veciña da Vacariza, Palas de Rei) leron emocionadas o manifesto entre aplausos e berros en contra de Altri dos presentes. As dúas representantes da Plataforma colocaron aos presentes no ano 2030, coa lembranza dun 26 de maio de 2024 “no que todo empezou a

cambiar”.


Falaron de que “ríos de xente de toda Galicia asolagaron as rúas para defender o río que a celulosa quería matar. E sabedes que? Malia todo o poder e o diñeiro dos promotores, gañamos. Gañamos. Conseguimos parar aquel terrible despropósito”. No seu relato, Maika e Mónica amosáronse “orgullosas de ter, no canto dunha paisaxe monocroma de eucaliptos, un mosaico rico que favorece a todos os sectores. No canto de tres quendas duns centos de persoas que poderían enfermar por respirar os fumes dunha celulosa, somos milleiros de traballadoras e traballadores responsables da natureza que coidamos e que nos coida”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Nesta Terra do Medio, as comarcas do corazón xeográfico de Galicia, son un lugar en

rexeneración. Son unha oportunidade para poder desenvolver economía sostible, onde se

traballe co territorio protexéndoo. Porque dependemos da terra, da auga e do aire. Eses e

non a cobiza desmedida duns poucos son os alicerces das nosas vidas”. Falaron tamén da

xente nova que escolle A Ulloa, Melide, Arzúa, Agolada ou Santiso para se asentar. “Na

terra dos nosos avós hai futuro, madia leva que o hai. Vémolo e estamos orgullosas, como

estamos orgullosas das nosas raíces agrogandeiras, as que nos alimentaron, aliméntannos e seguen a ser esenciais”.


No manifesto dixeron “basta a que non se nos escoite, que mais de 25.000 alegación son

motivo suficiente para parar o proxecto”. Tamén explicaron que “temos unha obriga cos

nosos devanceiros, que conseguiron para nós unha calidade de vida alta, e temos unha

responsabilidade cas nosas fillas e fillos: deixarlles unha comarca coidada que lles permita vivir ben, que lles permita o bo vivir”. Por iso, afirmaron que “defendemos con todo o noso corazón a terra, o aire e a auga e por iso dixemos, e dicimos, que xa chega de Altri, de

Greenalias e de Greenfibers”.


Para rematar deixaron claro que “non é desenvolvemento, non é progreso: chámase

espolio. Porque esta terra é nosa e non das empresas especuladoras”.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page