Máis de 150 nenos e nenas participan este verán no campamento do programa Concilia Silleda
- Laura Moure

- 23 jun
- 3 min de lectura
O servizo municipal de conciliación préstase nas localidades de Silleda e A Bandeira e continuará ata a véspera do inicio do curso escolar
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda puxo en marcha esta semana unha nova edición do campamento de verán do programa Concilia Silleda, unha iniciativa municipal destinada a favorecer a conciliación das familias durante as vacacións escolares e que este ano beneficiará a máis de 150 nenos e nenas do municipio en total (se ben en cada quenda o número de prazas se limita a 100 prazas en total).

O servizo préstase nas localidades de Silleda e A Bandeira, dando así cobertura ás familias usuarias nas dúas principais vilas do municipio. O campamento manterase activo durante todo o verán, ata a véspera do inicio do novo curso escolar, coincidindo co período non lectivo.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño, visitaron onte as dependencias nas que se desenvolven os campamentos tanto en Silleda como na Bandeira. Durante a visita, ambas entregaron gorras e mochilas aos nenos e nenas participantes, nunha xornada de benvida coa que o Concello quixo acompañar o inicio desta nova edición.
O campamento conta con servizo en horario de mañá e tarde. A quenda de mañá desenvólvese de 9:00 a 14:00 horas, mentres que a de tarde funciona de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres. Esta ampla cobertura horaria permite adaptar mellor o servizo ás necesidades laborais e familiares, ofrecendo ás crianzas un espazo seguro, educativo e lúdico durante os meses de verán.
PUBLICIDADE
Ademais das actividades propias do campamento, o programa mantén a coordinación con outras propostas municipais e deportivas. Ao igual que acontece durante o curso escolar, as persoas monitoras encárganse de acompañar e trasladar aos nenos e nenas ás actividades deportivas e culturais nas que participan, mentres estas continúen activas, así como a outras iniciativas programadas durante o verán, como campus deportivos ou cursos de natación nas piscinas.
Deste xeito, o campamento de verán de Concilia Silleda funciona tamén como un servizo de apoio integral ás familias, facilitando que a rapazada poida participar en distintas actividades sen que iso supoña unha dificultade engadida para a organización familiar. Así mesmo, na quenda de tarde, os grupos acoden as piscinas acompañadas do persoal monitor.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que “Concilia Silleda é un servizo fundamental para moitas familias do noso municipio, especialmente durante os períodos de vacacións escolares, nos que resulta máis complicado compatibilizar a vida laboral e familiar”. Fernández subliñou que o Concello “segue apostando por recursos públicos que dean resposta ás necesidades reais da veciñanza, tamén no verán, garantindo un espazo de atención, convivencia e aprendizaxe para os nenos e nenas”.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, a concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño, puxo en valor “o traballo das persoas monitoras e a planificación dun programa pensado para que as crianzas desfruten dun verán activo, creativo e seguro”. Troitiño salientou que o campamento “non só permite conciliar, senón que ofrece actividades adaptadas, acompañamento e unha atención próxima, tendo en conta tamén as rutinas e participación da rapazada noutras propostas municipais”.
A edil lembrou ademais que a conciliación “é unha das pezas clave para avanzar en igualdade, porque permite ás familias, e especialmente ás mulleres, contar con máis apoio nos tempos nos que non hai actividade lectiva”. Neste sentido, incidiu en que programas como Concilia Silleda “teñen unha dimensión social moi importante e contribúen a facer máis doado o día a día das familias”.
O Concello de Silleda reforza así un ano máis a súa aposta polos servizos de conciliación, cun programa que se desenvolve durante todo o ano e que no período estival se adapta ás necesidades propias das vacacións escolares.








Comentarios