top of page

Mª José Gómez salienta a importancia da Feira do Mel “Alvariza” de Lalín para poñer en valor este produto

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A conselleira sinalou que este tipo de celebracións contribúen a impulsar as canles curtas de comercialización e poñer de relevo o comercio de proximidade


Laura Moure/Lalín

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu onte á IV Feira Internacional do Mel “Alvariza” que está a ter lugar nesta fin de semana no concello de Lalín. Durante a súa intervención na inauguración do evento, onde tamén estivo acompañada polo alcalde da localidade, José Crespo, a titular do departamento salientou a importancia deste tipo de celebracións, que poñen en valor as elaboracións galegas e recoñecen o bo facer dos produtores. María José Gómez asegurou tamén que este tipo de feiras contribúen a impulsar as canles curtas de comercialización e poñer de relevo o comercio de proximidade, así como a facilitar e consolidar unha boa relación entre consumidores e produtores.

Por outra banda, sinalou que o sector apícola é un dos eidos máis característicos da nosa comunidade. Seguindo esta liña, lembrou que o patrimonio etnográfico galego conserva “moitas testemuñas” da relevancia deste sector no noso territorio, como poden ser as propias alvarizas -construcións tradicionais que protexían as colmeas dos ataques dos osos e dos ventos fortes- que lle dan nome a esta festividade.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A titular de Medio Rural salientou a estreita relación entre o mel e a calidade agroalimentaria da nosa comunidade, xa que dende a Consellería do Medio Rural se impulsa, entre outros, a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que garante a orixe deste produto e certifica a calidade en todo o seu proceso de elaboración. Fixo referencia tamén aos 254 apicultores, 44 envasadoras e case 44.000 colmeas que engloban este selo e que durante o 2023 comercializaron máis de 168.000 quilos de mel certificado, cun valor económico estimado de 1,5 millóns de euros.


Actividades da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Co fin de consolidar a súa aposta pola divulgación da calidade agroalimentaria, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organizou un completo programa de actividades para dar a coñecer este tipo de distintivos. Así, a Feira do Mel contará cunha zona de catas e de demostracións de cociña con tres talleres a cargo dos chefs André Arzúa, do espazo gastronómico Abella, e José Antonio Asorey, do restaurante Onde Antonio de Lalín. Ambos os dous elaborarán pratos con produtos galegos amparados polos diferentes selos impulsados por esta Axencia, sempre tendo presente o mel, o protagonista deste evento.

A feira conta tamén cun túnel expositivo e de degustación onde estarán presentes os meles gañadores nas Catas dos Queixos e Meles de Galicia 2024. Por último, sortearanse tres lotes de produtos de Experiencias de Calidade.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Aposta polo sector apícola

Tendo en conta a relevancia do sector apícola para Galicia, Gómez lembrou que se veñen de convocar as axudas de apicultura deste 2025, que contan cun orzamento de 1,4 millóns de euros, e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 20 de febreiro. O obxectivo destas achegas é contribuír á protección da biodiversidade, unha cuestión na que este eido é fundamental.


Procúrase tamén modernizar este sector, a través da posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización; ao mesmo tempo que se afonda na mellora da orientación ao mercado e a competitividade. NOS VINDEIROS DÍAS SACAREMOS VÍDEO DESTA FEIRA.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page