A titular de Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias recibiron ao grupo de seis rapaces e rapazas da nosa comunidade que resultou vencedor neste certame, celebrado en Bélxica
Laura Moure/Rodeiro
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; recibiu esta tarde no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) os mozos e mozas gandeiros galegos campións de manexo de gando no certame Young Breeders School (YBS).
A conselleira trasladou os parabéns da Xunta aos seis integrantes deste equipo, que se impuxo no devandito concurso internacional, celebrado do 28 de agosto ao 1 de setembro
en Battic (Bélxica). Trátase de María e Andrea Otero, da granxa Fontixón (Castro de Rei,
Lugo); Lorena Iglesia, de SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo); Alba López, da
Gandería Quintián (O Páramo, Lugo); Simón Blanco, da Gandería Queiruguera (Val do
Dubra, A Coruña) e Xabier Montes, de Casa do Rei (Rodeiro, Pontevedra).
Nesta edición do YBS participaron un total de 180 mozos gandeiros procedentes de todo o
mundo, agrupados en 29 equipos. O conxunto español, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros e a Federación Frisoa Galega, coa colaboración de Clun, acadou un fito sen precedentes, ao obter o primeiro posto na clasificación por países, superando a Suíza, que quedou en segundo lugar, e a Polonia, que ocupou o terceiro.
Plan de remuda
Nesta recepción, a titular de Medio Rural puxo en valor o importante papel da mocidade no
agro galego e, neste marco, o Plan de remuda xeracional que está ultimando a Consellería
cunha ampla perspectiva transversal, e que está baseado na formación, a sensibilización e
a incorporación. Neste sentido, explicou que se traballará sobre a formación, favorecendo
aínda máis a de carácter práctico, e puxo de exemplo a actividade formativa que se leva a
cabo nos Centros de Formación e Experimentación Agraria dependentes da Consellería.
Publicidade
Neste contexto, Gómez destacou ademais a posta en marcha, antes de final de ano, do
Banco de Explotacións, como ferramenta concibida para propiciar o contacto entre titulares de explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e as persoas interesadas en asumir a súa xestión, mediante compra ou arrendamento. Esta figura irá acompañada dunha novidosa liña de axudas, dotada con 2,1 millóns de euros ata o 2029, para favorecer a cooperación na sucesión de explotacións, beneficiando as persoas físicas ou xurídicas xefes de explotación que se xubilen ou teñan outras causas para ceder a súa granxa.
Comments