O piloto, o escritor e a cantante compartirán as súas vivencias vitais e profesionais co alumnado os días 27 de outubro, 9 de novembro e 10 de decembro, respectivamente
Laura Moure/Lalín
O Colexio Scientia Lalín porá en marcha neste último trimestre do ano un programa de charlas informais protagonizadas por persoeiros de referencia en distintos ámbitos profesionais coa finalidade de “motivar e inspirar aos alumnos/as para que no futuro saiban atopar o seu propio camiño no ámbito profesional”.
O encargado de abrir esta iniciativa o vindeiro mércores 27 de outubro, ás 11.00 horas, será o piloto de rallys Luis Vilariño, campión galego no ano 2013 e que actualmente está a disputar o European Rallye Championship (ERC). En novembro, o día 9 o convidado será o
escritor Javier Peña, que se atopa inmerso na promoción da súa segunda novela, Agnes, tras o éxito logrado con Infelices. Xa en decembro, o día 10 visitará o centro a cantante Guadi Galego, que está a triunfar novamente na xira do seu último traballo discográfico, Costuras.
A xefa de estudos do Scientia Lalín, Patricia Beldrón, sinala que esta serie de charlas “é unha forma adicional de reforzar a conexión entre a ensinanza e a sociedade real, aproveitando a convidados de referencia para que compartan como desde a súa formación en enxeñería, o xornalismo ou o maxisterio foron atopando o seu propio horizonte profesional no deporte, a literatura e a música. Non se trata de conferencias formais, senón máis ben de encontros interactivos, nos que os convidados exporán parte da súa traxectoria vital e profesional, pero, sobre todo, atenderán as preguntas e inquedanzas dos alumnos e alumnas”, explica Beldrón, que salienta que Luis Vilariño visitará o centro co seu coche de rallyes para que os e as alumnas poidan fotografarse nel.
Comments