O alcalde manifestou a súa intención de recuperar a agrupación astronómica do observatorio, os cursos e as revistas de astronomía, e de restaurar e modernizar as instalacións
Laura Moure/Vila de Cruces
A vez que se homenaxeaba no Centro Andaluz a José María López Pérez “El niño de la estrella” o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, lograba un "gran éxito na súa xestión municipal" ao conseguir a cesión do Observatorio Astronómico do Coto de Zarragrande, "unha xoia da coroa da vila" que estivera sen uso desde o finamento do seu propietario, José María López Pérez, en 2014, tal e como informa o Concello.
A estreita amizade entre o alcalde e López Pérez e a súa familia permitiu que este acordo de cesión se fixera realidade entre Luis Taboada e José Antonio López, fillo de Pepe.
"Taboada, un gran entusiasta das marabillas de Vila de Cruces, propúxose devolver o esplendor ao observatorio e convertelo nun lugar de referencia no campo da astronomía en Galicia", recalca o ente local. O Observatorio conta con dúas estancias, unha sala de reunións e outra dotada de cúpula para os equipos de observación, que albergan uns prismáticos astronómicos de 11x80 e un telescopio de 25 centímetros de diámetro, o máis potente de Galicia no seu momento.
O Observatorio Astronómico do Coto de Zarragrande inaugurouse en setembro de 1993 grazas ao empeño e dedicación de López Pérez, quen tamén publicaba dúas revistas de astronomía afeccionada e organizaba un curso anual de astronomía en colaboración con profesores da Universidade de Vigo e astrónomos amateur. Ademais, López Pérez habilitara o observatorio como un pequeno museo do espazo polo que pasaron miles de persoas ás que el mesmo introducía nos segredos das estrelas.
Tras o finamento de López Pérez o observatorio permaneceu inactivo por iso o actual rexedor decidiu comezar coas negociacións necesarias xunto con Jose Antonio López (fillo do finado e tamén namorado da astronomía) para proceder á cesión do Observatorio Astronómico de Coto de Zarragrande co fin de volvelo converter nun espazo para o desfrute dos veciños e veciñas da vila e de todos os visitantes, contribuíndo así ao desenvolvemento cultural e científico da rexión.
Taboada manifestou a súa intención de recuperar a agrupación astronómica do observatorio, os cursos e as revistas de astronomía, e de restaurar e modernizar as instalacións para facer deste lugar un verdadeiro faro para a observación das estrelas e a divulgación da ciencia.
Kommentare