Destaca a súa ampliación que ofrece unha oportunidade única para diversificar a economía local e promover o emprendemento no concello
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O candidato de Xuntos polo noso Concello e actual alcalde de Vila de Cruces, Luis
Taboada, anuncia "o seu firme compromiso para impulsar o desenvolvemento do Polígono Industrial do Camballón, aproveitando a recente ampliación de 28.400 metros cadrados que se sumaron aos case 200.000 metros cadrados cos que xa contaba este importante centro industrial da rexión".
Sinala que "o Polígono Industrial do Camballón foi recoñecido a nivel rexional como un enclave estratéxico para o desenvolvemento económico e a xeración de emprego no municipio de Vila de Cruces. Esta recente ampliación supón un importante marco no crecemento deste polígono, o que permitirá atraer investimentos e fomentar a creación de novas empresas, así como fortalecer as existentes na súa expansión e consolidación no mercado".
Taboada ademais destaca que esta ampliación ofrece unha oportunidade única para diversificar a economía local e promover o emprendemento en Vila de Cruces. "Estamos comprometidos co desenvolvemento económico e social do noso municipio. A expansión do Polígono do Camballón bríndanos a posibilidade de atraer investimentos e xerar emprego, o que contribuirá ao progreso e benestar da nosa comunidade".
Así mesmo, reitera que o Polígono do Camballón conta cunha ubicación estratéxica e excelentes conexións de transporte, o que o converte nun destino atractivo para as empresas que buscan establecerse na zona. "Ademais, dispón de infraestruturas modernas e servizos de calidade, o que facilita o desenvolvemento de actividades empresariais en diversos sectores".
O Concello de Vila de Cruces "estableceu un plan integral para potenciar o crecemento do Polígono do Camballón, o cal inclúe accións destinadas á mellora de infraestruturas e servizos, promoción empresarial, así como a implementación de políticas de apoio aos emprendedores e empresas locais".
Taboada convida aos inversores e emprendedores a explorar as oportunidades que ofrece o polígono do Camballón. "Estamos dispostos a traballar de man coas persoas que buscan un entorno propicio para o crecemento dos seus negocios. O noso municipio está aberto a recibir novos investimentos e converterse nun referente de desenvolvemento industrial na rexión", enfatizou e recalcou que "o Concello continúa traballando de maneira decidida para promover un entorno empresarial favorable e propiciar o crecemento sostible de Vila de Cruces".
Comments