top of page

Luis López subliña a cooperación da Deputación con Lalín para construír un edificio polivalente

O presidente do Goberno provincial realizou este luns a súa primeira visita institucional a Lalín para asinar co alcalde, José Crespo, un convenio enmarcado no programa “PON2030” que permitirá intervir no lugar case 750.000 euros


Laura Moure/Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Concello de Lalín para asinar co alcalde, José Crespo, un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 480.000 euros, o 65 % do orzamento, o proxecto para a construción dun edificio polivalente en Carragoso. O Concello, pola súa banda, achega o 35 % restante, uns 260.000 euros. “Trátase dun convenio que se asina desde a colaboración institucional e que lle reportará á veciñanza de Carragoso un edificio polivalente que completa todas as necesidades que ten esa contorna”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

O proxecto, valorado en máis de 740.000 euros, consiste na construción dun edificio polivalente nunha parcela municipal de 748 metros cadrados localizada na contorna do casco urbano lalinense, entre a rúa da Ponte e a Rolda Norte. Nesta finca, o Goberno local ten deseñada a construción dun edificio público para diversos usos. Construirase un inmoble de planta baixa, cunha entreplanta destinada a almacén e cuarto de instalacións.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Ao interior do edificio accederase a través dunha zona exterior cuberta pola fachada sur; unha vez dentro, as persoas usuarias atoparán un primeiro vestíbulo que repartirá os fluxos cara aos aseos, o cuarto da limpeza, o espazo multiúsos ou as escaleiras, ocultas detrás da porta dun moble por motivos estéticos e funcionais A sala de usos múltiples dispón dun escenario elevado, desde o que se poderá acceder a un almacén que terá saída cara o exterior.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Segundo recolle o convenio, o proxecto deberá estar executado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Lalín realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A visita de Luis López deste luns ao Concello de Lalín, a primeira institucional como presidente da Deputación, serviu para asinar tamén no libro de honra do Concello. Ademais, o mandatario provincial asegurou que  “para min Lalín é coma estar na casa”. Neste sentido, recordou que “a miña primeira visita como delegado da Xunta foi a Lalín e o primeiro sitio da comarca que visitei como presidente da Deputación foi Lalín, a finca de Mouriscade”, asegurou Luis López, quen puxo en valor o municipalismo compartido co alcalde.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page