Luis López salienta o éxito de público, participación e organización do mundial de Enduro en Deza
- Laura Moure
- 21 oct 2024
- 2 Min. de lectura
O presidente provincial participou en Silleda na clausura do International 6 Days Enduro coa entrega de trofeos aos gañadores dun evento con case cen anos de tradición
Laura Moure/Deza
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou a condición de que Pontevedra é “a provincia do deporte” na cerimonia de clausura do International 6 Days Enduro, o campionato mundial máis importante desta disciplina do motociclismo, que se celebrou ao longo da pasada semana cos concellos de Silleda, Lalín e A Estrada entre os escenarios da competición. O mandatario provincial foi un dos encargados de entregar os trofeos aos gañadores das distintas categorías xunto co presidente da Federación Internacional de Motociclismo, Jorge Viegas.

O International 6 Days Enduro, coñecidas como as olimpíadas deste deporte, celebrou a sçua edición número 98 —a primeira vez que se fai en Galicia— entre o 14 e o 19 de outubro en Galicia, co recinto da Semana Verde de Silleda como centro de operacións e punto de entrada e saída de cada unha das xornadas, nas que houbo tramos que discorreron polo territorio de Lalín, A Estrada e tamén Silleda, ademais de O Irixo e Santiago de Compostela. Seis días de motociclismo que atraeu ata a comarca de Deza a milleiros de afeccionados ao motociclismo e arredor de 600 de pilotos de 33 países de todo o mundo.
“Elixir esta provincia para organizar calquera evento deportivo é sinónimo de éxito”, subliñou Luis López facendo referencia á experiencia que atesora a provincia á hora de organizar eventos de repercusión internacional. “Unha fórmula do éxito” que, segundo López, ten moitos autores. “O Concello de Silleda, Lalín e A Estrada, por poñer todos os medios e dar todas as facilidades para desfrutar dun evento masivo. A Federación Galega de Motociclismo, polo excelente traballo que levan facendo, non só para este mundial, senón ao longo de moitos anos e que desembocou con esta cita histórica e merecida. A Federación Internacional, por confiar en nós. A pilotos e equipos que nos brindaron un espectáculo único. E tamén unha mención especial á afección que demostrou que a esta provincia o motor, as motos e a velocidade, sempre co máximo respecto e coidado polo medio natural, nos tira moito”, agradeceu o presidente provincial.
Publicidade
Finalmente, recalcou Luis López no seu discurso de clausura desta competición que a Deputación seguirá na mesma liña: “tendendo pontes con todos os colectivos, apostando polo deporte e polo turismo deportivo e afondando na descentralización dos grandes eventos, fixémolo co deporte, organizando este mundial de enduro e farémolo coa Cultura, traendo ao Deza a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo”, concluíu o presidente da Deputación.
Comments