“Polo compromiso que ten con este concello, con 30 millóns investidos en catro anos, e pola necesaria estabilidade para Galicia”, recalca
Ecos da Comarca/Rodeiro
O presidente provincial do PP de Pontevedra e concelleiro de Rodeiro, Luis López, pediulles aos veciños de Rodeiro un “rotundo apoio” a Alfonso Rueda nas eleccións do vindeiro domingo “polo compromiso coñecido e recoñecido que ten con este concello, cuantificable en máis de 30 millóns de investimentos nos últimos catro anos, e, xa a nivel xeral, pola necesaria estabilidade que precisa Galicia fronte ao balbordo que xeraría un multipartito de esquerdas cunha clara tendencia nacionalista”.
Luis López elixiu a súa vila natal para poñer fin aos 15 días da campaña nunha xornada na que tamén participou en actos en Pontevedra, Tui e Vilanova de Arousa e foi o encargado de pechar un mitin que ateigou o Centro Cultural Manuel Lamazares e no que deu a benvida a integrante do PP local Arianna Cambeiro. “Unhas eleccións pódense gañar ou perder. Pero, pase o que pase, sempre hai que estar ao carón da xente. Iso aprendino de pequeno aquí en Rodeiro e iso foi o que me motivou para entrar no Partido Popular, porque somos o partido da xente, e o facemos sempre, sexan cales sexan as circunstancias. E precisamente por elo estou convencido de que a xente, os galegos, vannos outorgar unha ampla maioría domingo para seguir gobernando”, aseverou López.
Publicidade
O presidente provincial tamén destacou “o valor da palabra dada”, contrapoñendo a transparencia do presidente Rueda "co ocultismo" que o BNG fai do seu programa, e tamén admitíu a “confianza e sensibilidade con Rodeiro” que lle esperta o actual líder do PPdeG: “Se non crese nel cos ollos pechados non vos solicitaría a confianza, pero fágoo porque é o mellor para Galicia e para Rodeiro”.
Pola súa banda, o conselleiro e número 4 da candidatura popular, Román Rodríguez, pediulles aos dezaos que “devolvan en forma de votos ao PP a forte aposta que fixemos, desde a Xunta, por esta comarca”, na que se investiron 262 millóns de euros na derradeira lexislatura, e anunciou que “este compromiso seguirá plenamente vixente a partires do luns co inicio dunha nova lexislatura na que tentaremos incrementar esta cifra”.
Publicidade
Finalmente, a voceira municipal, Cati Somoza, tamén reclamou o voto para Alfonso Rueda, “xa que é o único candidato que veu, e moitas veces, a Rodeiro, que coñece este concello e que atende, sempre que pode, as nosas demandas e necesidades”. Fronte a elo, lamentou que os candidatos da esquerda “nin se dignaron en vir, mostra do seu desleixo polo interior e por este concello, e iso supón un perfecto reflexo do trato de abandono que imos ter se nos falta un só voto para a maioría absoluta e artellan un multipartito”.
Comentários