O delegado da Xunta en Pontevedra visitou Lalín
Luís López durante a reunión na sede da AED, en Lalín.
Laura Moure/Deza
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, informou esta mañá, nunha xuntanza de traballo coa Asociación de Empresarios de Deza (AED), das diferentes liñas de axudas que a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten neste momento abertas e animounos a concorrer ás mesmas para seguir modernizando o tecido industrial da bisbarra. O representante autonómico, acompañado polo xefe territorial de Economía, Empresa e Innovación, Tomás Nogueiras, explicou polo miúdo as ordes, como Galicia Emprende, que será a primeira en pechar o prazo o vindeiro luns 22: terrazas de hostalería; xestores para internacionalización e Galicia Exporta Dixital (as catro do Igape); as liñas do Inega; Eficiencia Enerxética na Empresa, Auditorías para Industrias e Servizos ou as axudas para start-ups, sectores estratéxicos e innovación.
“Trátase de achegas moi importantes para seguir modernizando e situando ás nosas empresas á vangarda, na liña de traballo establecida xa hai algúns anos pola Xunta de Galicia e na anterior convocatoria das mesmas repercutiron en case 2 millóns de euros nas industrias e comercios da comarca do Deza”, detallou Luís López, que engadiu que, coas aportacións da Consellería de Emprego, o Goberno galego inxectou 3,3 millóns en 344 empresas, pemes, autónomos, establecementos, locais de hostalaría e organismos de Deza nos ámbitos da economía e da inserción laboral só nos últimos catro meses.
Así, os apoios concedidos pola Vicepresidencia 2ª distribuíronse nas liñas de Eficiencia no sector primario, con 167.000 euros e 15 beneficiarios; Dixitalización Industria 4.0 con 36.000 euros e tres beneficiarios; Re-Acciona con 58.000 euros e 14 beneficiarios; Créditos e Microcréditos, con 1.562.333 euros e 35 beneficiarios; Dixitalización 4.0 con 33.000 euros e dous beneficiarios; Proxectos Agrupados de Industria 4.0 con 63.000 euros e un beneficiario e axudas para o comercio con 145.000 euros e 18 beneficiarios, entre os que figura a propia AED cunha achega da Xunta de 40.005 euros, a máis alta da provincia. A estas aportacións engádense, xa na área de Emprego, 346.000 euros para o obradoiro de emprego Foresta Lalín III, 250.000 euros para o Programa Integrado de Emprego, tamén desenvolvido pola AED, e 778.675 euros do 1º Plan de Rescate para Autónomos, Micropemes e Hostalería, que beneficiou principalmente a 254 hostaleiros do Deza, destacando sobre todo os 499.025 euros aportados a 156 da capital dezá ou os 199.775 euros a 72 do concello de Silleda, entre outros.
Precisamente sobre este asunto, Luís López informou aos representantes da AED, patronal na que se integra a hostalería, da inminente convocatoria, esta mesma semana, do 2º Plan de Rescate, que estará dotado con 75 millóns de euros para alcanzar un total de 161,2 millóns incluíndo a primeira edición, desenvolvida entre novembro e febreiro. “En apenas catro meses artellamos dúas convocatorias que, a falla dos detalles que se coñezan esta semana, permitirán axudar aos hostaleiros con entre 3.400 euros e 24.200 euros segundo as súas circunstancias e tamén aos demais sectores afectados pola pandemia”, debullou o representante autonómico, que garantiu o “absoluto compromiso da Xunta cos sectores económicos para a reactivación no marco da crise sanitaria”.
Visita ao Concello de Lalín
Con anterioridade, Luís López celebrou o seu primeiro acto oficial propio dende que tomou posesión o pasado venres cunha visita institucional ao Concello de Lalín e unha reunión de traballo co alcalde, José Crespo, na que repasaron os proxectos autonómicos para a presente lexislatura, como a construción do Centro Integral de Saúde, xa en marcha con 9 millóns de euros, ou a ampliación do polígono Lalín 2000. “Por moitos motivos quería comezar por Lalín, pero especialmente para coñecer o estado do CIS e do parque empresarial co obxectivo de axudar ao máxima na súa xestión para que sexan unha realidade canto antes na mellora da calidade de vida dos veciños de Lalín e do Deza”, concluíu o delegado.
Visita de Luís López ao consistorio lalinense.
Comments