Luis López depositou o seu voto a favor de Alberto Núñez Feijóo na mesa comarcal de Lalín
- ecosdacomarca
- 17 jun
- 2 Min. de lectura
“Imos reelixir a Feijóo como presidente nacional do PP porque é a persoa máis preparada para rexenerar España tras o ‘sanchismo’ que está a triturar o país”, recalcou
Ecos da Comarca/Deza
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, acudiu este luns a votar no marco da elección do presidente do partido de cara ao 21º Congreso Nacional e destacou, tras agradecer a alta participación nesta xornada de democracia interna, a figura de Alberto Núñez Feijóo. “Hoxe damos un paso máis para ter lista a mellor versión da nosa organización e para revalidar a nosa confianza e reelixir a Feijóo como presidente nacional do PP porque é a persoa máis preparada para España tras o ‘sanchismo’ que está a triturar o país”, proclamou.

O responsable provincial, que depositou o seu voto na mesa comarcal de Lalín como militante de Rodeiro, estivo acompañado polo coordinador comarcal do Deza, o conselleiro Román Rodríguez, e polo alcalde e presidente local anfitrión, José Crespo, así como por decenas de alcaldes, voceiros, concelleiros e militantes do PP dos seis municipios do Deza.
Paralelamente, tamén se habilitou unha mesa comarca na Estrada para a bisbarra de Tabeirós-Montes na que compareceron, entre outros, o conselleiro e presidente do PP local da Estrada, José López, e o alcalde Gonzalo Louzao, entre outros. “Imos estar preparados para o momento en que Pedro Sánchez deixe de fuxir a ningures e convoque eleccións, porque queremos abrir un tempo novo caracterizado pola estabilidade, a solvencia e a limpeza, tal e como se pode comprobar neste proceso, este si con garantías e non como elixiu ao presidente ao fronte do PSOE en 2014”, aseverou, antes de recalcar que o PP “está movilizado, con gañas e ilusión fronte a un PSOE en descomposición”.
Publicidade
Luis López, que destacou que as comarcas van estar moi ben representadas no congreso de Madrid a celebrar entre o 4 e o 6 de xullo, xa que disporá de 8 dos 95 compromisarios da provincia, tamén lamentou o “silencio clamoroso” dos cargos do PSOE en Deza e Tabeirós-Montes “fronte a unha situación de absoluto desgoberno e presunta corrupción de moita gravidade”.
Comments