Luis López celebra o éxito do “Vive o Rural” na granxa escola Fervenzaventura, en Silleda
- Laura Moure
- 1 abr
- 2 Min. de lectura
Un grupo de trinta escolares de segundo de Educación Primaria do colexio Manuel Rodríguez Sinde, da Guarda, desfrutan desta experiencia promovida polo servizo de Xuventude da Deputación
Laura Moure/Silleda
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a boa acollida da segunda edición do programa “Vive o rural” como ferramenta para dinamizar a actividade social no rural, concienciar ás novas xeracións sobre a importancia de coidar o medio ambiente e dar a coñecer a riqueza natural e patrimonial do interior da provincia. Fíxoo nunha visita acompañado polo deputado Jorge Cubela á granxa escola Fervenzaventura, en Silleda, onde un grupo de trinta escolares de segundo de Educación Primaria do colexio Manuel Rodríguez Sinde, da Guarda, desfrutan desta experiencia promovida polo servizo de Xuventude da Deputación.

Nesta xornada, o presidente Luis López desfrutou dunha mañá de ocio e traballo nunha granxa con nenos e nenas de 7 anos de idade, cos que intercambiou impresións e aos que lles desvelou algúns trucos, anécdotas e lembranzas relacionadas co coidado dos animais ou das tarefas dunha granxa da súa experiencia familiar en Rodeiro. Nas instalacións da granxa Fervenzaventura, os escolares participaron actividades diversas relacionadas coa horta, a elaboración de pan e o coidado de animais nunha contorna natural onde tamén tiveron tempo para realizar xogos ao aire libre.
O programa “Vive o Rural”, que este ano ten en marcha a segunda edición e foi deseñado polo goberno provincial a través do novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico que lidera o deputado Jorge Cubela, ten como obxectivo poñer en valor os costumes, valores e medios de vida do rural galego ao tempo que avanza no compromiso da Deputación de dar a coñecer o interior da provincia, un destino comprometido coa sustentabilidade e vencellado á natureza.
Publicidade
Trátase dunha iniciativa dirixida ás asociacións de nais e pais e centros educativos de concellos de menos de 20.000 habitantes que ofrece visitas a granxas escolas da provincia. Na súa primeira edición, celebrada no ano 2024, concedéronse un total de 25 subvencións por valor de 21.600 euros a entidades de 16 concellos. A boa acollida desta primeira edición, motivou o impulso á segunda, que conta cun aumento do orzamento ata os 60.000 euros que beneficia este ano a 56 entidades, que teñen a disposición cinco granxas escolas ubicadas nos concellos de Poio, Cambados, Fornelos, Tomiño e Silleda.
Comments