Fixo entrega dos carnés oficiais de voluntarios, expedidos pola Xunta de Galicia, a 11 destes membros
Laura Moure/Lalín
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lalín para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e de xestión das emerxencias durante a visita que realizou este martes á sede da entidade.
O representante autonómico acudíu xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, e outros
representantes municipais para coñecer o seu funcionamento e facer entrega dos carnés oficiais de voluntarios, expedidos pola Xunta de Galicia, a once voluntarios. Os beneficiarios veñen de incorporarse á entidade nos últimos meses ou ben levan tempo na
agrupación, pero precisaban renovar o seu elemento de identificación, que debe ser actualizado cada catro anos no marco do proceso de regularización das Agrupacións de
Protección Civil da provincia de Pontevedra.
“Esta agrupación leva décadas de servizo desinteresado e altruísta a prol da cidadanía de
Lalín e incluso, en moitas ocasións, da comarca do Deza e de moitos outros puntos de
Galicia e ademais actúa cunha eficacia, eficiencia e esforzo que son dignos de eloxio. Dan
unha cobertura de primeiro nivel e están sempre pendentes do que precisa a cidadanía,
especialmente nos momentos máis complexos, polo que é, dende hai moito tempo, unha
das agrupacións máis destacadas da provincia e de toda Galicia, polo que merece
sobradamente o apoio que lle prestamos dende o Goberno galego”, detallou Luis López,
que salientou a elevada participación de voluntarios nesta entidade, xa que conta con 25
efectivos.
Preto de 100.000 euros
Protección Civil de Lalín recibíu, ao longo dos últimos cinco anos, preto de 100.000 euros
da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos ordinarios de funcionamento e para a adquisición de material, como un equipo de excarceración, un desfibrilador, un esparexedor de sal, un remolque de atención para emerxencias, unha carpa ou unha pértiga e un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina, que
serven para mellorar e ampliar os seus servizos de atención cidadá.
Comments