"Tomar a decisión foi complicado, pero sei que a tomo con toda a responsabilidade sabendo que hai un equipo de persoas totalmente capaces lideradas por Rubén Quintá"
Luís López será o novo delegado da Xunta en Pontevedra
Laura Moure/Rodeiro
Luís López Diéguez presentou onte a súa renuncia como alcalde de Rodeiro ao ser elixido para ocupar o cargo de delegado da Xunta en Pontevedra. Hoxe, xoves, celebrarase un pleno no que se dará conta da súa renuncia como mandatario e como concelleiro. Está previsto para as 12:00 horas no centro cultural Manuel Lamazares. O sucesor de López será o actual edil de Obras, Rubén Perfecto Quintá Quintá, quen tamén é o presidente da Sociedade de Caza de Rodeiro. Ademais, pasará a formar parte do goberno María Dolores Simón Valladares, de 32 anos e diplomada en Dereito.
Comunicación de renuncia de Luís López Diéguez:
Hai xa dez anos que accedín á alcaldía do Concello de Rodeiro e en todo este tempo sempre intentei traballar de xeito comprometido por e para todos os veciños, escoitando as súas inquedanzas, aprendendo dos erros, pero sobre todo apostando por dar resposta ás necesidades e prioridades de todos e en todas as aldeas do concello. E sempre con feitos e realidades que conseguiron transformar o noso concello.
Ser alcalde de Rodeiro durante estes dez anos foi unha honra. Desde 2011, intentei servir o meu concello do xeito máis honesto e profesional, entregándome ás esixencias deste cargo. Pero non sería posible sen todas as persoas que me acompañaron neste camiño.
Quero agradecer de xeito especial o traballo dos concelleiros do goberno e o seu apoio ante esta decisión, pero tamén quero destacar o compromiso de todos os compañeiros que formaron parte do goberno municipal nos anteriores dous mandatos. Estou convencido de que continuarán servindo a Rodeiro coa mesma ilusión e traballo e convencido do seu éxito na xestión municipal.
De igual xeito, o meu recoñecemento ao resto da corporación municipal, concelleiros cos que tiven a oportunidade de trabllar ao longo destes anos anntepoñendo sempre os intereses dos veciños. E aos traballadores municipais, xa que a súa dedicación e implicación como servidores públicos é fundamental para a nosa xestión municipal.
E por suposto, o meu máis sincero agradecemento a toda a veciñanza de Rodeiro, que confiou en min para porme á fronte da alcaldía dez anos. Nunca esquecerei esta oportunidade e todo o apoio que recibín.
Tomar esta decisión foi complicado. Hai unha mestura de sentimentos, pero sei que a tomo con toda a responsabilidade. Sabendo que hai un equipo de persoas totalmente capaces e preparadas, lideradas por Rubén Quintá, para que a transformación de Rodeiro siga avanzando e contarán sempre co meu apoio e a miña disposición. Tanto eles como todos os veciños de Rodeiro.
Non esquezo a confianza e o apoio que recibín no meu concello durante estes dez anos é fundamental para que o goberno galego considerase o meu nomeamento como delegado da Xunta nesta provincia. Desde este novo cargo seguirei traballando, como sempre, de xeito comprometido por Rodeiro.
コメント